A Fundación Rosalía de Castro pon en marcha neste 180 aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

Todos os locais da hostalería de Padrón se unirán o 24 de febreiro a esta celebración, ofrecendo o ‘Caldo de Gloria’ como tapa nos seus establecementos. E desde a Fundación Rosalía convidamos a que todo o país faga o propio nas súas casas e nos restaurantes. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos.

COMO PARTICIPAR

a) Primeiro consigue un Caldo de Gloria. Eis as opcións que tes:

Vir a Padrón o 24F: poderás degustar o Caldo en calquera establecemento hosteleiro.
Vir á Casa de Rosalía o 24F: Benigno Campos e Merchi Rodal (do programa ‘Larpeiros’) farán un Caldo para todos e todas a partir das 20.30 horas.
Podes facer ti mesma/o o Caldo de Gloria na túa casa. Podes seguir as instruccións que Rosalía dá no poema ou consultar a receita de Picadillo (1905).
Es un restaurante e queres facer o Caldo? Avísanos, colga o cartel na túa porta e poñerémoste aquí mesmo nunha listaxe pública.

b) Logo le un poema rosaliano (como mínimo). Pode ser o ‘Miña casiña, meu lar’ que inspirou esta iniciativa ou calquera outro.

c) Disfrútao e compárteo nas redes sociais cos seguintes cancelos (hashtags): #CaldodeGloria #DíadeRosalía

O caldo de Rosalía, a épica dos humildes

Queremos conmemorar o Día de Rosalía lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.

[Le aquí o poema]

Share