A Casa de Rosalía modernizou e actualizou as súas instalacións con novos recursos, novas pezas e material audiovisual que permiten comprender mellor a vida e obra de Rosalía de Castro e a súa familia. 

Casa de Rosalía de Cerámica Celta de Pontecesures (mediados do século XX). Unha das pezas da primeira sala do andar inferior.

Pasear polo xardín e horta que ela vivíu, con árbores senlleiros, o exterior da casa e zonas e elementos que nos traen recordos dela e o seu tempo é quizais o mellor prólogo á inmersión no universo rosaliano que nos agarda.

A visita expositiva comeza na recepción e tenda. Continuando pola planta baixa poderemos saber máis da historia da Casa da Matanza, como se mercou, as doazóns recibidas e o fundamental papel da emigración galega na creación desta casa-museo. A seguir pasaremos por salas nas que descubrir con detalle a vida da poeta, as súas vivendas e as súas relacións, así como a totalidade da obra, destacando a importancia que Cantares gallegos e Follas Novas teñen na mesma.

Panel de Follas Novas na sala da obra no primeiro andar

Logo do paso pola cociña tradicional, ascendemos ao andar superior onde nos deteremos nunha estancia dedicada á familia de Rosalía como unha especie de “factoría cultural”, comezando por Manuel Murguía e as súas producións e logros e seguindo pola capacidade criativa dos fillos e fillas. Logo, no cuarto onde a autora finou, veremos a cama da familia, as homenaxes, os recoñecementos e diverso material que dan idea da dimensión universal que acadou a súa figura. Finalmente, as últimas dúas salas amosan a Rosalía muller e feminista, e a Rosalía símbolo nacional, espazo no que poderemos acjaremos a estreita a relación da familia Murguía Castro coa nosa bandeira.


Prezo da visita

Individual 2€
Grupos (+20 persoas) 1,50€
Colexios (maiores 6 anos) 1€
Colexios (menores 6 anos) 0€

Cita previa (só grupos)

Por teléfono: +34 981 811 204
Por correo: fundacion@rosaliadecastro.gal