Unha imaxe pouco coñecida de Murguía coas fillas que forma parte do Arquivo da Fundación Rosalía de Castro

O Arquivo da Fundación Rosalía -incluído o Fondo Baltar- ordenouse, informatizouse e púxose a disposición dos investigadores a finais de 2015. Por primeira vez, e grazas a unha axuda da Xunta de Galicia, os valiosos fondos da Fundación Rosalía están ordenados, catalogados e informatizados, ademais de en condicións de conservación axeitadas. 

Hoxe o Arquivo mantén accesibles para os investigadores toda a documentación histórica, é dicir, a parte máis relevante dos fondos. Calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos, ordenados e catalogados:

Correspondencia

(Catalogación individualizada das cartas, 1946-1970)

O Arquivo posúe importantes e interesantes fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros, que até o de agora apenas eran coñecidos. Dentro do fondo documental cómpre destacar a serie de Correspondencia, na que podemos atopar cartas intercambiadas cos responsables dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana, etc. como Juan Varela Grande, José Villamarín, Abelardo Estévez, Jesus Canabal, Rey Rodríguez, Ángel Pérez Cosme, etc., mostra das intensas relacións que o Padroado e os seu responsables mantiñan cos galegos emigrados.

En canto a personalidades galegas, é de interese a correspondencia intercambiada con Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey, Sánchez Cantón, Del Riego, Manuel Gómez Román, Ferro Couselo, García Sabell, Gala Murguía, Naya, Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde, Quiroga Palacios  e un longo etcétera.

Libro de actas

(Catalogación individualizada  das actas do Padroado, 1947-1987)

Tamén resulta moi interesante a serie relativa ás actas e documentos constitutivos, destacando o primeiro Libro de Actas do Padroado, así como os informes e memorias que describen a actividade desenvolta nos primeiros momentos desde a adquisición da Casa de Rosalía por parte de Granjel e Mosquera.

Arquivos de prensa

(Catalogación individualizada dos documentos de prensa, 1931-1970)

Son certamente de grande utilidade para a investigación, xa que achegan información valiosa sobre acontecementos, identificación de persoas e mesmo para datación. Ademais hai exemplares significativos procedentes de prensa estranxeira  grazas ás relacións referenciadas  que mantiña o Padroado cos colectivos galegos emigrados. Neste mesmo senso, cabe sinalar a colección de impresos, nos que destacan  a publicación dos primeiros Estatutos do Padroado a finais dos anos 40, os carteis, así coma outros materias especiais (negativos, discos, diapositivas, etc.)

Fondo gráfico

(Catalogación individualizada dos fondos gráficos, 1884-1974)

En canto ao fondo gráfico, son salientables os vencellados a Rosalía, sobresaíndo a colección “Pardellas de Blas”, con fotografías da autora e a súa familia, entre outras. O fondo fotográfico reflicte tamén as diversas actividades e actos do Padroado, coma as Rutas Rosalianas ou a Ofrenda Floral en Bonaval que acollía importantes persoeiros galegos e estranxeiros.

Fondo Baltar-Feijóo

Desde 2016 esta Fundación acolle o fondo documental de Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló, que inclúe máis de 400 cartas -moitas delas inéditas- de importancia para a historia deste país. Nel contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) ata os anos vinte do pasado século.

O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…)

De entre todo o valor histórico do fondo cómpre destacar varios autógrafos de Rosalía (unha carta dirixida a Ángel Baltar), o diario do propio Ángel Baltar, amigo e protector da familia Murguía-Castro, onde se apuntan relevantes datos biográficos de Rosalía, a folla de servizos de Manuel Murguía, versos autógrafos de Ramón Rey Baltar e todo un caudal de correspondencia inédita (máis de catrocentas cartas) centrada especialmente en Ramón Tojo e a el dirixida por Manuel Murguía e a súa filla Alexandra, por Daniel Castelao e seu pai Mariano Rodríguez, por Eduardo e Rafael Dieste, César Vaamonde Lores, Ramón Rey Baltar, Andrés Martínez Salazar, Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré, Fortunato Cruces, Amor Ruibal, Pérez Ballesteros, etc. 

Coleccións

Xosé Mosquera

O seu legado contén interesantes documentos dos inicios do galeguismo, mostra das súas relacións persoais e da súa implicación política, social e cultural.

Pardellas de Blas

Inclúe fotografías de Rosalía e da súa familia.


Inventario

PDF

Queres consultar o noso inventario?
Descarga premendo na icona [390Kb]

Solicitudes

PNG

Queres vir investigar ao noso arquivo?
Formulario de solicitude para consultas clicando na imaxe [37Kb]