
A Fundación Rosalía de Castro convoca de xeito bianual o Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao.
O premio ten carácter bianual e poderán concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas nos dous anos anteriores á convocatoria, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.
Tal e como definen as bases, as obras poderán ser presentadas a concurso tanto polas editoriais ou produtoras como polos membros do xurado constituído. A entrega do premio, que será honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto literario a celebrar no auditorio da Fundación Rosalía de Castro.
Bases e datas da edición 2022:
Bases do III Premio Baltar Feijóo de Ensaio e Investigación.
Gañadores das edicións celebradas:
2020
As orixes da fotografía en Galicia, de Carlos Castelao (Alvarellos Editora, 2018, en coedición co Consorcio de Santiago)
2018
Dúas obras ‘ex aequo’:
Cantos de independencia e liberdade (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e
A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931(Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua.