Por que e para que pedimos axuda?
Texto de Anxo Angueira, presidente da Fundación

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, que é unha fundación privada sen ánimo de lucro creada en 1947 (daquela era o Patronato Rosalía) por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. E foi grazas á colaboración económica de familias, empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración que se conseguiu abrir as portas na Matanza como Casa-Museo en 1972.

Máis de 70 anos despois, esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura e aínda que na actualidade temos unha taxa de autofinanciamento do 41% (2018), cifra considerable na nosa contorna cultural, entendemos que cómpre percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de Rosalía e da súa familia.

Por que e para que é preciso apoiar a Casa de Rosalía?

  • Para asegurar o seu presente e, sobre todo, o seu futuro 
  • Para seguir avanzando na mellora da Casa-Museo, da súa xestión e dos seus servizos
  • Para mellorar e ampliar a súa programación cultural, que se ten incrementado moito nos últimos anos
  • Para promover e facilitar a investigación sobre Rosalía 
  • Para converter a Casa-Museo nun referente nacional e internacional
  • Porque a Casa-Museo é xa un dos museos galegos máis visitados e debe estar na vangarda cultural 
  • Porque a Casa-Museo e a súa Fundación non só coidan o legado da familia Castro-Murguía, tamén son un referente cultural en todo o país
  • Porque a Casa-Museo tamén é unha fonte de riqueza -cultural, social e si, tamén económica- para Galicia e, en particular, para Padrón
  • Porque hai que coidar as cousas que nos importan 🙂

Os proxectos e actividades principais desta Fundación desde 2012

  • Reforma e acondicionamento do interior da Casa Museo.
  • Renovación do discurso museolóxico e museográfico, coa incorporación de novas tecnoloxías e a musealización dun amplo repertorio de novas pezas adquiridas ou cedidas.
  • Renovación da páxina web e presenza nas redes sociais.
  • Organización da exposición “No principio foi o verso” celebrada en Vigo con motivo dos 150 anos de Cantares gallegos.
  • Descuberta e compra dun exemplar único da obra que contiña unha foto, un texto autógrafo e unha carta inéditos.
  • Acondicionamento dun novo espazo para o Arquivo da Fundación.
  • Ordenación, catalogación e dixitalización de todo o fondo documental histórico.
  • Obras de accesibilidade á Casa Museo e ás súas instalacións.
  • Celebración do Día de Rosalía: Alborada e Caldo de gloria.
  • Homenaxe do mar a Rosalía: “Inchadiña branca vela”.
  • Concurso Escolar de poesía Rosalía de Castro
  • Edición da revista Follas novas de estudos rosalianos.
  • Compra de diferentes pezas de Ovidio Murguía.
  • Incorporación do fondo documental das familias Pardellas de Blas e Baltar Feijóo.
  • Celebración dos Encontros na Casa de Rosalía coa Universidade de Vigo.
  • Posta en marcha do Festival Abride a Fiestra, desde 2018.
  • Posta en marcha do Roteiro Rosaliano “De Padrón polos camiños”.
  • Publicacións: Obra completa, O Xardín da Casa de Rosalía, Espistolario de Manuel Murguía III, …
  • Concertos, presentacións, exposicións, conferencias, teatralizacións, visitas guiadas…

Como podes colaborar?

a) Facéndote Voluntaria/o da Casa de Rosalía
     (só persoas físicas)

b) Facéndote Amigo/a da Casa de Rosalía
     (só persoas físicas)

c) Facéndote Protector/a
     (persoas físicas e xurídicas)

d) Facéndote Mecenas
     (persoas físicas e xurídicas)