Un texto de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro

Pedimos a túa axuda porque detrás da Fundación Rosalía de Castro hai un proxecto no que traballaron e puxeron xenerosamente o seu esforzo e a súa intelixencia ó longo de  máis de 70 anos innumerables homes e mulleres entregados á causa común da Casa de Rosalía, que é a causa común de Galicia.

Porque ese proxecto da Fundación, ademais de resistir nos peores momentos do franquismo, foi das poucas institucións que podía ergue-la bandeira de Galicia e do galego.

Pedimos a túa axuda porque a Casa de Rosalía e a Fundación que leva o seu nome é un proxecto común, como se demostrou cando para acondicionala e convertela en Casa Museo se fixo unha auténtica campaña nacional de recadación de fondos nos anos 1970 e 1971.

Porque, aínda que somos escoitados polas institucións públicas de Galicia, queremos que o esforzo colaborativo sexa tamén un esforzo comunal e compartido polo pobo galego, que sempre foi xeneroso con todo o que tiña que ver con Rosalía.

Pedimos a túa axuda para que a Casa de Rosalía e as súas instalacións sexan dignas da figura que representan.

Para que medren e se diversifiquen as actividades que vén levando a cabo a Fundación.

Pedimos a túa axuda para elaborar un programa completo, variado e pedagóxico para as visitas escolares.

Para estudar e difundir a figura e a obra da nosa autora en Galicia e no mundo.

Por todo iso, colabora, participa, faite Amigo da Casa de Rosalía.