A Fundación Rosalía de Castro quere pór en coñecemento público que, despois de todos os trámites requeridos, o proxecto de acondicionamento interior da Casa-Museo Rosalía de Castro, resultado do convenio de cooperación asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cofinanciado cos fondos FEDER, inicia a súa fase de execución.

O proxecto inclúe a eliminación de humidades no chan e nas paredes da planta baixa, con instalación de solo radiante, o acondicionamento da carpintaría exterior e trasdosados, instalación dun novo sistema de electricidade e iluminación así como o de seguridade e contraincendios.

Trátase dun investimento e dunhas obras necesarias para poder acometer posteriormente a reforma do perfil museográfico da Casa-Museo e dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes.

Nunha primeira fase, que se inicia agora, as obras afectarán especialmente o baixo da Casa. Posteriormente, en novembro do próximo ano, realizarase a segunda fase das obras, na que pretendemos, ademais do acondicionamento interior, levar a cabo unha modernización dos contidos e do perfil da Casa-Museo.

Por causa das obras desta primeira fase, pois, a Casa-Museo permanecerá pechada ao público desde o luns día 3 de decembro ata finais de febreiro, en que de novo contamos con abrir as portas.

A Fundación, que lamenta os inconvenientes que este peche poida ocasionar, espera con estas obras realizar unha mellora significativa na Casa de Rosalía con especial motivo da conmemoración do 150 aniversario de Cantares gallegos que Galicia celebrará ao longo do ano 2013 e na que a Fundación está especialmente implicada.

 

Share