Merca un libro en galego e leva unha escolma rosaliana

Merca un libro en galego e leva unha escolma rosaliana

Con motivo do Día de Rosalía a Fundación Rosalía e a Fundación Xistral poñen en marcha, en colaboración coa Xunta, unha campaña de promoción do libro galego pola cal calquera que merque un libro en galego do 6 febreiro ao 3 de marzo recibirá como agasallo unha pequena escolma de textos rosalianos.

Con febreiro chegan as celebracións do Día de Rosalía, que este ano se amplían cunha campaña de promoción do libro galego que agasallará 20.000 escolmas rosalianas entre todas as persoas que merquen un libro en galego. Está organizada pola Fundación Rosalía e a Fundación Xistral, unha entidade que vén de nacer co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galega. 

Deste xeito, cada persoa que merque un libro en galego do 6 de febreiro ata o 3 de marzo levará como agasallo unha escolma de textos rosalianos titulada ‘Celebrarmos Rosalía’ realizada por Anxo Angueira e editada pola Casa de Rosalía e Xistral. Nesta campaña, apoiada pola Xunta de Galicia, colaboran a Federación de Libreiros de Galicia, a Asociación de Editoras, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.