O Ministerio de Cultura entra no Padroado da Fundación Rosalía

O Ministerio de Cultura entra no Padroado da Fundación Rosalía

O Padroado desta fundación privada sen ánimo de lucro está integrado por figuras da cultura galega e diversas institucións políticas e culturais. A Fundación ten a misión de promocionar e difundir a obra e o legado de Rosalía de Castro, alén da conservación e xestión da súa Casa-Museo.

O Ministerio de Cultura vén de entrar a formar parte do Padroado que rexe a Fundación Rosalía de Castro, unha organización privada sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo é promover e difundir a memoria da poeta e da súa familia, a xestionar a súa Casa-Museo, así como a realizar actividades culturais. Deste xeito, o Ministerio de Cultura participará nunha das institucións culturais de maior relevancia de Galicia.

A Fundación Rosalía de Castro réxese por un Padroado integrado por institucións e figuras da cultura galega. Entre as institucións que forman parte deste órgano atópanse a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, os concellos de Santiago de Compostela e Padrón, as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra e o Seminario de Estudos Galegos. A elas súmase agora o Ministerio de Cultura. A Fundación Rosalía de Castro está presidida polo escritor, profesor e académico Anxo Angueira.

A Fundación Rosalía de Castro foi constituída en 1947 en Santiago de Compostela co obxectivo inicial de recuperar e restaurar a Casa da Matanza —onde viviu e faleceu a autora— e convertela en museo. A Casa-Museo de Rosalía de Castro abriu as súas portas en 1971 grazas á colaboración de particulares e entidades, tanto de Galicia como da diáspora galega. Desde entón permaneceu aberta, dedicada a promover e difundir o legado e a memoria de Rosalía de Castro.

Apoio á Fundación Rosalía de Castro

Durante unha visita á Casa-Museo de Rosalía de Castro o pasado ano, o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, anunciou o apoio do Ministerio de Cultura á Fundación Rosalía de Castro para iniciar o proxecto de rehabilitación dunha das edificacións do conxunto, o Edificio Murguía, antes coñecido como Centro de Estudos Rosalianos.

Deste xeito, e como integrante do seu Padroado, o Ministerio de Cultura avanza no apoio á Fundación Rosalía de Castro e ás súas actividades arredor da figura da poeta, ademais de contribuír á protección do legado de Rosalía de Castro, unha das figuras literarias máis relevantes de Galicia e de España.