Estreamos avatar 3D de Maruxa Villanueva

Estreamos avatar 3D de Maruxa Villanueva

A Fundación Rosalía de Castro estrea unha nova aplicación na súa visita virtual por mor do Día de Rosalía: a Casa de Rosalía é desde hoxe o primeiro museo do…

A Fundación Rosalía de Castro estrea unha nova aplicación na súa visita virtual por mor do Día de Rosalía: a Casa de Rosalía é desde hoxe o primeiro museo do mundo que emprega un avatar en tres dimensións guiando a súa visita virtual. Unha empresa galega, Orestes Comunica, conseguiu introducir un avatar, e facelo funcionar neste tipo de tours virtuais. Xa está dispoñible na nosa páxina web (ver versión en galego). 

Trátase dunha Maruxa Villanueva en 3D, a actriz galega que durante trinta  anos coidou a Casa de Rosalía. Villanueva recibiu durante décadas a quen visitaba a Casa de Rosalía. Desde hoxe o avatar da actriz galega recibe a quen visita a Casa de forma virtual e explica, no interior, tres dos espazos da exposición. 

Para desenvolver este proxecto, Orestes Comunica traballou da man do debuxante e animador pontevedrés Jorge Costas e cun equipo israelita de programadores especializados no metaverso. Esta colaboración fixo posible que o avatar dunha muller, galega, e falando en galego, sexa o primeiro do mundo en formar parte, e ser guía, dun percorrido virtual. A voz de Maruxa foi cousa da xornalista Amelia G. Hervella e o guión, de Anxo Angueira. 

Maruxa Villanueva (Barrela, 1906 – Compostela 1998) foi desde 1971 ata o ano do seu pasamento foi coidadora da Casa de Rosalía, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante en Arxentina desde os 20 anos, alí converteuse nunha cantante de éxito e actriz, ademais de en peza clave da cultura galega en Bos Aires, onde colaborou moi activamente nas actividades a favor da República.

Ler a Rosalía, Caldo de Gloria, Alborada para Rosalía

Polo demais, a Fundación Rosalía convida a todo o país a celebrar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía. Ao longo de todo o país terán lugar centos de actos e iniciativas. Ademais, organiza actos en Santiago e Padrón.

O acto central terá lugar, coma sempre, ás 12 horas no Hostal dos Reis Católicos. Haberá lectura de poemas rosalianos e a actuación de Os Carapaus e Estela Pereira (piano) e Lía Ferrer (violonchelo), alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago.

Antes, ás 11, haberá Alborada cos Carapaus e ofrenda floral na Praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía en 1837. E todo comezará ás 10 en Padrón, coa lectura de poemas do alumnado do Instituto Camilo J. Cela de Padrón diante da Estatua de Rosalía.

Ao Caldo de Gloria xa se sumaron máis 200 locais hosteleiros e máis de 70 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda a xeografía galega. Desde esta Fundación repartíronse 45.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa: “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.

Volve o Caldo de Gloria á Casa-Museo

Nesta sétima edición, volverá despois da pandemia o Caldo de Gloria á Casa-Museo da man de Óscar Vidal, chef de O Pazo Asador, a primeira Estrela Michelín de Padrón, que ofrecerá a sua versión do Caldo aos presentes (19h). En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Xoanqui Ameixeiras, Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas. 

A continuación, no auditorio da Casa-Museo terá lugar o concerto de Belém Tajes. Cantante e compositora, foi voz principal de Luar na Lubre, fundou a banda feminina Vudú, e colabora con bandas como Xosé Lois Romero e Aliboria e Moura, ademais de Vetusta Morla e FeténFetén.

Alborada de Rosalía

Este ano volvemos celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013, en 2019, en 2020, 2021 e 2022. 

A “Alborada de Rosalía” é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que facemos desde aquí un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra.

Consulta todos os actos do 23 de febreiro aquí