Alborada para Rosalía
–> Consulta toda a programación do Día de Rosalía 2024 aquí
Desde a Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s volvemos organizar para o 23 de febreiro (Día de Rosalía e aniversario do seu nacemento) a Alborada para Rosalía de Castro, para o que facemos un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexades pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra, ao igual que se fixo en 2013, en 2019, en 2021, en 2022 e 2023.
A Alborada de Rosalía interpretada polos Carapaus en 2019
Como di o manifesto que podedes descargar máis abaixo, “xa van once anos despois daquela salutación simbólica e a meniña gaiteira de Rosalía renova o seu compromiso coa confianza no renacer de Galicia a unha nova idade que construímos día a día. Saudemos con ela e coa súa Alborada que desexamos un tempo tamén de renacenza, celebremos que o millo medra e que cantan os paxaros ledos do novo día. Por iso chamamos a tódolos gaiteiros e gaiteiras e ó mundo da música en xeral a celebrar o Día de Rosalía neste 23 de febreiro tan especial”.
Neste mapa podedes apuntarvos para indicar desde onde cantaredes a #AlboradaparaRosalía:
Se tes unha conta de Google (Google+, Gmail etc), podes engadir o teu acto neste mapa.
Clica aquí, preme no botón de editar, inicia sesión e coloca un novo pin no lugar da túa alborada e cubre os datos que che solicitan no recadriño.
Se es un gaiteiro ou gaiteira, ou músico en xeral, na mañá do 23 de febreiro sae ás rúas, camiños, prazas ou lugares simbólicos para botar unha peza na honra de Rosalía (a Alborada ou outra). Tamén o podes facer a partir do día 19 de febreiro e toda esa semana.
Se non tocas ningún instrumento, en primeiro lugar disfruta da Alborada e logo difunde: faille fotos ou grava vídeos (vale co móbil, claro). Logo compárteo nas redes sociais co cancelo #AlboradaparaRosalía.
Velaquí toda a información e instrucións para facelo:
RECOMENDACIÓNS
Promociona
Para que o teu acto teña a maior difusión comparte a imaxe da Alborada (aquí), compárteo nas redes sociais co cancelo (hashtag) #AlboradaparaRosalía, distribúeo, cóntallo aos teus amigos e amigas…
Localiza
Entra no mapa de arriba e coloca a localización e datos do acto. Se non podes facelo, envíanos os datos de organización, hora, lugar, poboación e outros que consideres necesarios ao noso correo.
Comparte
Comparte as fotos que fagas en Instagram, Twitter, Facebook ou calquera outra rede social. Os chíos deben levar o cancelo #AlboradaparaRosalía. Se subes fotos ao teu FB, etiqueta nelas á Fundación Rosalía e á Asociación de Gaiteir@ Galeg@s. Problemas, dúbidas? Mándanos un mail!
Grava
Grava no teu móbil ou na túa cámara a Alborada e logo súbea a Youtube ou ao Facebook e envíanos a url a este correo coa URL, e engadiremos o teu vídeo á playlist para que o poidamos ver todos e todas.
KIT DE ORGANIZACIÓN
Manifesto
Texto do Manifesto que recomendamos ler despois de interpretar a Alborada. Preme na imaxe [PDF, 90Kb]
Letra
Se alguén ten interese ou se ve con azos de cantar, a Alborada ten letra. Na icona de arriba [PDF, 50Kb]
Partitura
A Partitura da Alborada premendo na imaxe [PDF, 0,6Mb]. Se preferides escoitar a música, clicade aquí.