Caldo de Gloria

–> Consulta toda a programación do Día de Rosalía 2020 aquí.
A Fundación Rosalía de Castro volve poñer en marcha este 2020 no aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Moitos locais hosteleiros de todo o país (e máis alá) uniranse o 24 de febreiro (e a fin de semana anterior) a esta celebración, ofrecendo o ‘Caldo de Gloria’ como tapa nos seus establecementos. E desde a Fundación Rosalía convidamos a que todo o país faga o propio nas súas casas e nos restaurantes. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos.
COMO PARTICIPAR
1. ES UN RESTAURANTE e queres facer o caldo? Avísanos, colga o cartel na túa porta e poñerémoste aquí mesmo nesta listaxe pública (con máis de 200 locais, que se irá ampliando).
2. QUERES UNIRTE Á FESTA?
a) Primeiro consigue un Caldo de Gloria. Eis as opcións que tes:
– Vir a Padrón o 24F (ou a finde anterior) ou a unha chea de sitios máis: poderás degustar o Caldo en calquera establecemento hosteleiro dos que se uniron á iniciativa: listaxe pública (con máis de 200 locais, que se irá ampliando).
– Vir á Casa de Rosalía o 24F: faremos un Caldo para todos e todas a partir das 19.00 horas, elaborado polo Chef Rivera, canda tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos: Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas, que elaborarán os tradicionais bolos do pote.
– Podes facer ti mesma/o o Caldo de Gloria na túa casa. Podes seguir as instruccións que Rosalía dá no poema ou consultar a receita de Picadillo (1905).
b) Logo le un poema rosaliano (como mínimo). Pode ser o ‘Miña casiña, meu lar’ que inspirou esta iniciativa ou calquera outro.
c) Desfrútao e compárteo nas redes sociais cos seguintes cancelos (hashtags): #CaldodeGloria #DíadeRosalía
O caldo de Rosalía, a épica dos humildes
Queremos conmemorar o Día de Rosalía lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.