O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, inauguraron esta mañá a reforma museolóxica da planta baixa da Casa-Museo da Matanza, que foi financiada nun 80% pola institución provincial. Tamén estaban presentes Xosé Barro, deseñador e autor do proxecto de renovación; Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón; e Ramón Tojo, alcalde de Rois.

Máis de 40 anos despois da súa apertura ao público, a Casa-Museo precisaba dunha renovación urxente da súa museoloxía, adaptándoa aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora, así como incorporar á narrativa novas pezas. Polo tanto, o obxectivo desta reforma museolóxica é ofrecer unha perspectiva que permita comprender ao/á visitante a importancia de Rosalía como figura central da cultura galega, achegando a información esencial para entender a súa obra, a do seu marido e mesmo a do seu fillo, o pintor Ovidio Murguía.

As liñas museográficas mesturan a exposición de pezas senlleiras como o retrato de Rosalía por Modesto Brocos ou mobles da familia Murguía-de Castro, coa reprodución de documentos de arquivos e bibliotecas como manuscritos ou edicións especiais. Fundamental é tamén a incorporación de pezas audiovisuais integradas na visita, así como a inmediata incorporación de audioguías, incluídas no prezo da entrada, que posibilitarán acceder a outros contidos e facilitarán a visita en galego, castelán e inglés.

A nova Casa-Museo

A reforma da planta baixa que hoxe inauguramos consta dos seguintes espazos:

0) Recepción
1) Unha casa para ela: a institución
2) Quen é Rosalía?: a vida
3) A rosa de cen follas: a obra

Lembramos que aínda queda pendente a renovación do primeiro andar, que acollerá outros tantos cuartos:

- Unha factoría cultural: a familia de Rosalía.
– Pasamento, símbolo e mito.
– “No meu gran salón”: os manifestos feministas.
– Os pais do país: Rosalía e Murguía.

O novo proxecto museográfico foi desenvolvido polo deseñador e comisario Xosé Barro e aprobado polo Plenario da Fundación Rosalía. Agora mesmo esta institución está inmersa na procura de financiamento para completar o proxecto (queda pendente o primeiro andar) e concluír a longamente desexada reforma.

Mellora integral da Casa-Museo

Lembramos que desde 2012 levamos adiante un proceso de mellora integral da Casa-Museo, que comezou coas obras de acondicionamento do inmoble (cofinanciadas polos fondos FEDER e pola Consellaría de Cultura e Educación) e que continúa agora coa musealización.

A Deputación da Coruña financiou o custe do 80% da reforma museográfica da planta baixa (32.668,07€), mentres que o resto dos recursos foron achegados pola propia Fundación Rosalía de Castro. A maior parte do montante foi destinado á adquisición de equipos audiovisuais, así como realización e instalación da moblaxe expositiva necesaria, rotulación, vitrinas, etc. Outra parte importante dedicouse á edición de material audiovisual, xunto coa reprodución de documentos e imaxes.

DSC_0620 DSC_0619 DSC_0618 DSC_0614 DSC_0609 DSC_0607 DSC_0605

Share