Rosalía en Camiño 2023

Rosalía en Camiño 2023

Xoves 1 de xuño (Padrón)

  • 11.00 Visita a lugares rosalianos da Terra de Iria, guiados por Manuel Lorenzo Baleirón [Saída da Casa de Rosalía, reservas aquí]
  • 20.00. Recital na Casa de Rosalía con Jesús Castro Yáñez, Antía Otero, Luís López Alonso, Miriam Reyes, Sara Plaza e Xuan Bello. [Entrada libre]

Venres 2 de xuño (Compostela)

  • 10.30 Visita por lugares rosalianos de Compostela, por Manuel Lorenzo Baleirón [saída de Porta Faxeira, reservas aquí]
  • 19.00 Recital no Museo do Pobo Galego con Jesús Castro Yáñez, Antía Otero, Luís López Alonso, Miriam Reyes, Sara Plaza e Xuan Bello. [Entrada libre]

Sábado 3 de xuño (Lugo)

  • 12.00. Recital no Panóptico do Vello Cárcere con Jesús Castro Yáñez, Antía Otero, Luís López Alonso, Miriam Reyes, Sara Plaza e Xuan Bello. [Entrada libre]
  • 17.00 Visita polo Lugo literario guiada pola poeta e xornalista Nieves Neira Roca [saída de Porta Miñá, reservas aquí] ***

***Esta visita guiada inclúe a visita á Catedral de Lugo e á Domus de Mitreo. As persoas que desexen unirse han de pagar as respectivas entradas nestes lugares (4€ e 3,30€ respectivamente)


Poetas participantes

XUAN BELLO (Paniceiros, Tineo, Asturias, 1965) é un dos escritores máis destacados da literatura en lingua asturiana. Publicou con 16 anos o seu primeiro libro Nel cuarto mariellu. Seguíronlle oito poemarios sendo o último Les isles inciertes polo que foi merecedor do Premio Teodoro Cuesta. No 2009 alzouse co Premio da Crítica RPA e no 2017 foille concedido o Nacional de Literatura Asturiana. Entre a súa obra narrativa destacamos Hestoria universal de Paniceiros (2002) pola que recibiu o premio Ramón Gómez de la Serna. É tamén autor de numerosos libros de ensaio e un infatigable tradutor; desde o galego verqueu ao asturiano Escuela de melecineros y fábula de varia xente  de Álvaro Cunqueiro e Coses de Castelao.

 

SARA PLAZA (Bustarviejo, Madrid, 1972). En 2021 publicou o seu primeiro poemario, todos os pasos fan ruído (Premio Nacional de Poesía “Xosemaría Pérez Parallé”), e no 2023 participa na obra colectiva Lupercais [Unha antoloxía posible], canda poetas de Lugo integrantes do colectivo homónimo. Como tradutora, no 2023 dá ao prelo resistencia del agua (edición bilingüe castelán/galego da obra resistencia da auga [2018] do poeta Xabier Cordal). Colaboracións súas de distinto tipo están recollidas en fanzines e diversas revistas literarias, políticas e de pensamento crítico. 

 

MIRIAM REYES (Ourense, 1974). Aos oito anos emigrou vcos seus pais a Caracas onde residiu ata os vinte e un. Deuse a coñecer como poeta no 1998 ao ser incluída na antoloxía Feroces  (DVD). Co seu segundo poemario Bella durmiente foi finalista do premio Hiperion. Publicou seis libros de poemas reunidos no volume Extraña manera de estar viva (Mixtura, 2022). A súa obra foi recollida en numerosas escolmas estatais e internacionais e traducida a máis de media ducia de linguas. Tamén traduciu e editou poetas galegos, cataláns e portugueses contemporáneos. Desde o ano 2001 experimenta coa escritura audiovisual e o recital multimedia. Presentou os seus video-recitais en festivais de poesía, spoken word e artes escénicas. 

 

LUÍS LÓPEZ ALONSO: Naceu en Sarria o Día de Rosalía de 1977. Licenciouse en Farmacia, graduouse en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e é profesor e investigador do departamento de Tradución e Lingüística Xeral da Univesidade de Vigo, ademais de guionista. Como poeta cómpre salientar Presal (Xerais e UVigo, 2019) e Salífero (Urutau, 2020), ademais da peza efémera multidisciplinar Salífero opus #,  baseada neste último poemario e creada en colaboración co fotógrafo e artista visual Rafael Mallo. Dentro das obras poéticas colectivas, Lupercais (Unha antoloxía posible) (Chan da pólvora, 2023) é a súa última e recente colaboración, dedicada a presentar o grupo poético lucense das Lupercais. 

 

ANTÍA OTERO (A Estrada, 1982): Logo de licenciarse en Historia da Arte e formarse académicamente no territorio da práctica escénica e o cinema, traballa entre o mundo da edición e a escrita. Dende 2014 codirixe o proxecto cultural, escola de escritura e editora independente Apiario, xunto a tamén poeta Dores Tembrás. Como poeta gañou o VII Certamen Francisco Añón co poemario “De porta un Horizonte” e publicou os poemarios individuais “O Son da Xordeira” (Espiral Maior, 2003), “(Retro)visor” (Finalista Premios AELG 2010) e “O cuarto das abellas” (Premio ao mellor libro de poesía na II Gala do Libro Galego, 2016), ambos editados en Xerais. No 2022 ve a luz o seu último poemario “Barroco” editado por Apiario, selo no que no 2017 xa publicara “O branco non pinta”, a súa primeira incursión como autora na literatura infantil. A súa obra pode atoparse en revistas, obras colectivas e antoloxías. Os seus textos foron musicados por bandas como Chicharrón, fanny & alexander, Xose Manuel Budiño e Guadi Galego. 

 

JESÚS CASTRO YÁÑEZ (A Pastoriza, 1992) é autor dos libros Os nomes e os himnos (Espiral Maior, 2016) e Ultramarino (Chan da Pólvora, 2017). Como tradutor editou a antoloxía de poesía LGBT+ Campo de plumas (Sushi Books, 2021), primeira antoloxía en galego con ese enfoque e tamén a primeira vez que poemas de autores tan importantes como Elizabeth Bishop, Jack Spicer ou H.D. chegaban ao papel na nosa lingua. A comezos deste ano publicouse a súa tradución d’A antropoloxía da auga (Chan da Pólvora, 2023), de Anne Carson. O seu traballo apareceu en volumes colectivos, como No seu despregar (Apiario, 2016), ou 13. Antología de la poesía gallega próxima (Chan da Pólvora Editora/ Papeles Mínimos, 2017). A súa obra foi parcialmente traducida ao catalán, o castelán, o inglés, o grego, o finés ou o esloveno.


 Apoia:


 Colabora: