50 aniversario da Casa de Rosalía
A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada en base ao proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario durarán un ano, de xullo de 2021 a xullo de 2022.
A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. A Casa da Matanza convertiuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.
Eis os eventos e outras actividades:
- Visita virtual: A visita virtual, que xa está operativa desde o 8 de xullo nesta mesma páxina web, pode realizarse en catro linguas: galego, español, francés e inglés. A través dela calquera persoa pode visitar a Casa-Museo e a Horta de Rosalía en 3D, con información ampliada en case 40 puntos. Pola cantidade de información que se pode atopar no percorrido, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, que se fixo en Galicia ata a data empregando ferramentas propias da realidade inmersiva. Para facelo empregáronse equipos baseados en tecnoloxía láser e tecnoloxía de infrarroxos, cos que fixo a captura das imaxes. Tamén se empregaron ferramentas de software específicas, tanto para a construción do percorrido a partir das imaxes coma para facilitar a súa usabilidade.
- Acto institucional do 50 aniversario (15 de xullo)
- Abride a Fiestra especial 50 aniversario (17 de xullo)
- Inchadiña Branca Vela (24 de xullo)
- Xornadas Rosalía en Camiño (Diálogos literarios multilingües, do 15 ao 17 de xullo)
- Exposición itinerante sobre os 50 anos da Casa de Rosalía: trátase dunha mostra exterior, comisariada por Pepe Barro, que leva por título “A Casa de Galicia”
- Reforma do Auditorio da Casa Museo: a realizar entre os meses de setembro de 2021 e abril de 2022 (financiado por Xunta de Galicia e Deputación da Coruña)
- Outras actividades das que informaremos máis adiante