O retrato de Portela que mudou a imaxe de Rosalía
Por fin sabemos onde, cando e quen realizou un dos retratos máis coñecidos da nosa poeta. Lois Rodríguez, o autor do achado, valora a importancia da imaxe e recrea de xeito libre o proceso de construción da mesma.
Por Lois Rodríguez
Premendo na icona da esquerda descárgase un PDF (1,9 Mb), optimizado para computadores e tablets, con imaxes que acompañan o texto publicado a seguir
Resumo
Esta investigación amadora sobre un dos retratos máis difundidos da iconografía rosaliana –do que se descoñecía autoría, data de creación e técnica–, consegue demostrar que esta imaxe é un debuxo, probablemente a carbón, deseñado por Antonio Portela Paradela no ano 1902 en Madrid.
Aínda que até o de agora non foi posible atopar o orixinal, o estudo conclúe que tería un tamaño superior aos 50 cm de alto e que podería atoparse entre os fondos do Centro Galego de Madrid ou extraviarse nas moitas vicisitudes sufridas polos locais da institución e máis polo propio Centro como organización.
A descuberta dá conta do achado dunha reprodución fotográfica –en formato de placa– realizada no Centro Galego de Madrid entre 1902 e 1921 polo fotógrafo Mariano Moreno, formando parte na actualidade do Arquivo Moreno do “Instituto del Patrimonio Cultural de España del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte”.
A investigación destaca que a creación e difusión desta imaxe supuxo a xénese da verdadeira identidade visual da poetisa, conformándoa como o símbolo icónico que na actualidade xa temos interiorizado. O autor, Antonio Portela, deseña máis que debuxa esta Rosalía con claro éxito, apreciable na boa cantidade de estatuas que inspira, na súa aplicación no billete de 500 pesetas e noutros obxectos e produtos, convertidos á súa vez en símbolos de Rosalía.
A trascendencia do retrato de Portela
Antonio Portela deseña esta visión da autora para construír un símbolo. Calquera de nós ao vela recoñecémola e témola interiorizada até un punto no que xa non a miramos. Pásanos o mesmo con todas as iconas, vémolas, reconstruímolas mentalmente e non percibimos detalles nin características que podemos apreciar nas imaxes que nos son novas. Quizais pola súa gran difusión non nos decatamos que a Rosalía de Portela ten unhas proporcións físicas ben distintas das de calquera outro retrato da poeta e que os trazos que a conforman son produto dunha creación, máis que dunha reprodución fotográfica. Pero para chegar a isto a imaxe e o que transmite tiveron que ter éxito e transcender o nivel dunha simple ilustración.
Desde o ano da creación (1902) esta imaxe foi pasando por diversos estados de difusión e coñecemento. E non sempre directamente, xa que en moitos casos foi por medio de recreacións ou de influencia nas obras doutros artistas. Até o momento púidose documentar que as esculturas ou estatuas de homenaxe de Compostela, Padrón, Rianxo, Ferrol, Montevideo (Uruguai), Vilagarcía, Rosario (Arxentina) e Barakaldo (Euskal Herria) están baseadas na idealización que Portela fai de Rosalía. A primeira e a máis coñecida, a da Ferradura de Santiago, de Francisco Crivilles en 1917, probablemente actúa como gran difusora, e seguindo a esta, a de Padrón e todas as outras comentadas máis arriba.
Máis aló das figuras escultóricas, outros elementos singulares da iconografía de Rosalía que axudaron á popularización son, por orde cronolóxica, as Obras Completas da editorial Aguilar, 1944, baixo a edición de García Martí, onde aparece unha reprodución do retrato; o selo de seis pesetas de 1968, no que percibimos un peiteado idéntico e un rostro inspirado no de Portela; a portada do disco Rosalía de Castro de Amancio Prada de 1975; e o billete de 500 pesetas de 1979.
Até onde chegou a investigación, a primeira vez que se amosou impresa esta imaxe foi na portada e máis no sumario do número 24 da revista Galicia de Madrid, de 15 de xullo de 1907, un número extraordinario dedicado “a la memoria de la insigne poetisa gallega”. Avanzando no tempo, a segunda aparición foi na páxina 330 do libro Retrato de Mujeres Españolas del siglo XIX, de Joaquín Ezquerra del Bayo, editado en Madrid en 1924 –sobre un traballo premiado en 1921–, pola “Junta del Patrimonio Nacional”. Na Biblioteca Nacional de España hai constancia de que esta reprodución partiu da placa do Estudio Moreno, concretando que o autor foi Mariano, o pai do seu sucesor, Vicente.
Estendida por estes elementos difusores que vimos de detallar, a imaxe foi aparecendo en portadas de libros e revistas, carteis, placas, etc acadando unha maior difusión coa popularización da imaxe gráfica no último terzo do século XX. Coa chegada de internet, multiplícase a presenza do retrato en páxinas persoais e de entidades, nos blogs, nas redes, e en xeral, na cultura popular. Ao tempo, coincidindo cos avances na investigación rosaliana, a comunidade científica, os grupos de expertos e o mundo académico utilízana máis escasamente, probablemente, pola falta de información sobre autor, data e técnica que xa apuntamos.
A construción dunha icona
Antonio Portela foi un debuxante, ilustrador, pintor e fotógrafo, na actualidade non moi coñecido ou case esquecido, que viviu a Galicia e a emigración de fins do XIX e comezos do XX. Foi un rexionalista convencido e, onde puido, participou na vida dos Centros Galegos. O seu bisneto Moisés Acción Portela está redactando unha biografía que manexamos como documento principal. Para continuala, agradece a colaboración de investigadores e interesados na cultura da época, achegándolle datos, informacións e reproducións que lle permitan rematala.
A continuación –baseándonos na biografía de Moisés e noutros datos que conseguimos na investigación–, intentaremos recrear a xénese da imaxe desde os ollos do autor. Así…
Madrid, 1902. Antonio Portela Paradela leva cinco anos instalado na capital de España. O seu estudo “Sociedad Artística-Fotográfica” é un negocio de éxito no que se fotografían personaxes importantes e mesmo o contrata a Casa Real. Gaña numerosos premios e acada unha das medallas de ouro na Exposición Universal de París de 1900. Relaciónase con figuras da cultura madrileña e coa comunidade galega da cidade. Entre as súas amizades, varios membros da directiva do Centro Galego, unha delas condesa, a de Pardo Bazán.
Non sabemos se motu proprio ou por encargo debuxa unha Rosalía para dito Centro Galego.
Coñece ben a aparencia da de Padrón, xa que aprendeu o oficio no estudo “Fotografía de París” da Coruña, onde un dos irmaos Sellier, Luis, fotografara á poeta. Tamén porque un dos seus instrutores foi Isidoro Brocos, irmao de Modesto o que fixo o espléndido óleo no que se representa a unha adusta Rosalía.
É consciente do que a persoa e a escritora do Rexurdimento significan para Galicia. Polo seu propio sentimento galeguista e a relación que mantén cos rexionalistas, asúmea como figura central do país. Tamén lle axuda comprobar de primeira man en Cuba, México, Uruguai e Bos Aires o que supón Rosalía para os milleiros de galegos e galegas da emigración que anhelan unha patria.
Baseándose neste coñecemento e ideoloxía, deseña máis que debuxa a imaxe do mito no que cre e no que seguimos a crer máis de cen anos despois.
Non lle vale o retrato máis difundido, o de Luis Sellier, xa que transmite languidez, resignación, febleza e unha melancolía que ben puidera indicar enfermidade. Tampouco a magnífica intelectual, mais seria e severa Rosalía que Brocos pinta vestida coas galas dunha especie de fidalga.
– E eu, como a hei vestir? – pensaría–.
Para el, e despois para todos, Rosalía ten que ser a líder próxima e segura, rexa e afouta que é quen de convocarnos a cambiar a historia. E así a debuxa.
Non quere que se distancie da imaxe máis coñecida da autora, nese principio de século, e por medio dalgún sistema de ampliación propio da súa profesión, traza os riscos básicos da cara partindo da foto de Sellier. Varíaa moi lixeiramente, tocando o mínimo aquí e alá: perfila as cellas, límpalle a ollada, avulta os pómulos, enfatiza o naríz, engrosa os labios, reduce a boca e afíalle o queixo. É case idéntica, pero provoca unha sensación ben distinta xa que agora preséntasenos como unha persoa capaz, segura de si, que mira o futuro e nos propón un horizonte.
Está convencido de que o toucado non achega nada, mesmo podemos imaxinar unha pregunta pasando pola súa mente: Por que iría facer a foto así peiteada? Debuxa o cabelo liña a liña, mantén o rizo característico e ponlle un moño. Busca conseguir un efecto de autocontrol e rigor. Cada pelo está no seu sitio, alí onde ela os colocou e quere que estean. Vólvelle dar voltas ao da indumentaria.
Mira e remira a foto de Sellier, un torso cativo de máis para tanta cabeza, tan pouco natural que mesmo lle parece unha montaxe. Unha persoa tan enxoita e magra de corpo podería liderar un pobo? Lembra o retrato de Brocos, ou quizais coñece o de Cardarelly. En calquera deles o escorzo do tronco proxecta o ombreiro dereito fortalecéndoo para desafiar ou empurrar, e así o presenta facendo unha figura máis robusta, máis harmónica, vigorosa.
– Cardarelly si que resolveu ben o da vestimenta. Unha capa! —remoe–.
Sabe que está a rematar, afasta o papel para ver o conxunto e emociónase. Ten ese punto no estómago que se sente cando algo que fixeches alenta con vida propia.
– Está quedando ben. Hai que decidir a roupa. Fenollera, que irreverencia! íspea e deíxaa só cunha coroa de loureiro –sorrí mentres o imaxina–.
Repasa o que a súa percepción creativa asentou de Rosalía. Podería escoller entre unha ducia de visións, pero hai dúas que intúe fundamentais: a dunha artista, unha escritora, unha poeta, e tamén, a de alguén que marca un rumbo, unha abandeirada, unha especie de comandante ou capitá dun navío.
– Ou de toda a frota, como Chariño, unha almirante poeta, seis séculos despois.
Na súa memoria visual de fotógrafo e debuxante comezan a brillar os retratos de Baudelaire, Pastor Díaz, Leopardi, Poe, Victor Hugo e do escocés Walter Scott, con cadansúa chaqueta de escritor. Volve a Scott, Escocia e Galicia, o xardín de San Carlos, o poema de Rosalía a Sir John Moore, a casaca guerreira do defensor da Coruña. Aprétalle máis o nó do estómago. Decide, asumindo o risco.
– Vai ir así, con casaca de poeta que vai ao combate – e parafrasea a alguén que non recorda–: A poesía move o mundo escribindo coa espada de Solís ou empuñando a pluma de Sarmiento.
Case está rematado, apenas os últimos retoques, cando un pensamento o pon en alerta. Asina enriba do ombreiro dereito, onda os anxos da garda e cun sorriso pícaro planifica:
– O venres lévollo a Baldomero [Baldomero Lois, secretario do Centro nesa data], e logo merco os billetes. E o sábado sen falta, collemos o tren da Coruña, antes de que Dona Emilia o vexa pendurado, que non teño ganas de que me rompa a cabeza.
E até aquí esta recreación, evidentemente libre, da construción da imaxe do mito. Non puidemos resistirnos a facer unha pequena homenaxe á man e á ollada de Antonio Portela. A súa autoría, que agora desenterramos, mudou hai máis de cen anos para sempre a aparencia de Rosalía. E foi no Madrid dela mesma, de Murguía, de Curros e dos sesenta mil galegos que alí vivían en 1902, naquela cidade na que a padronesa publicou o seu primeiro poema, logo incluído en Cantares gallegos. Desde a consciente construción de Portela temos un novo emblema no que ollarnos e sentirnos orgullosos de nós e do noso proxecto.