Inchadiña Branca Vela 2022

Lugar:

Río Ulla e Sar (Desde Vilarello -Valga- ata Padrón)

16.30. Saída da praia fluvial de Vilarello (Valga)

18.30 Chegada (aproximada) ás 18.30 horas ao Espolón (Padrón). 

22.00 Concerto de Amigos do Acordeón das Rías Baixas (Praza de Macías) 

O sábado 16 de xullo uniranse á “Inchadiña branca vela” embarcacións tradicionais de todo o país, nunha nova homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. E xa van nove! Subirán Ulla e Sar embarcacións chegadas das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo, ademais da Guarda: gamelas, galeóns, un volanteiro, unha buceta, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración de Paco&Lola, Concello de Padrón, de Dodro e de Valga.

O percorrido será o de sempre: subirán ás 16.30 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón. 

Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares’ falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa: 

¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»