Dúas Árbores Senlleiras máis: a Camelia Rosalía de Castro e o Loureiro dos Poetas

A Casa de Rosalía vén de conseguir dúas Árbores Senlleiras máis: a Camelia Rosalía de Castro e o Loureiro dos Poetas. O pasado 15 de xullo o DOG publicada a inclusión de dúas novas árbores do Xardín de Rosalía no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que se unen á Figueira de Rosalía, que xa tiña este recoñecemento da Consellaría de Medio Ambiente.
O Xardín da Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón ten desde a semana pasada dúas novas árbores senlleiras: a Camelia Rosalía de Castro e o Loureiro dos Poetas, que se unen á Figueira de Rosalía que xa gozaba desta distinción. O 15 de xullo o Diario Oficial de Galicia publicada a inclusión destes dous exemplares no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras da Consellaría de Medio Ambiente.
Por esta razón a conselleira do ramo, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Sol Díaz, visitaron esta mañá o Xardín de Rosalía, onde foron recibidos polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e por Miguel Lois, membro do Padroado da Fundación e paisaxista responsable do Xardín.
Con estas dúas árbores, o Concello de Padrón convértese no segundo concello de Galicia con máis árbores senlleiras, con 8, só por detrás do Concello de Pontevedra, con 10.
A Camelia Rosalía de Castro foi plantada na Casa da Matanza en 1968 na honra de Rosalía. A súa principal distinción márcaa o feito de tratarse dunha camelia creada en honra da poeta e que leva, polo tanto, o seu nome. De orixe portuguesa, diferenciable pola súa floración prolongada, entre novembro e abril, con flores vistosas, semidobres, grandes, vermello-alaranxadas. Unha creación do afamado establecemento viveirícola luso Moreira da Silva e Fillos, no Porto: o primeiro exemplar obtido foi bautizado co nome da autora e agasallado á Casa-Museo.
O Loureiro dos Poetas é unha árbore herdeira do loureiro diante do que se fixo unha das máis recoñecidas fotografías de Rosalía en 1884, a da familia ao completo, o que a converte nunha árbore con importancia histórica no país. Especie consagrada por gregos e romanos, símbolo da gloria e a vitoria, alén de moi útil en calquera fogar, o loureiro pasou por serias dificultades nos anos 50, mais considérase que debeu sobrevivir algún dos brotes que formaron a árbore actual.