Árbore do monte de Ovidio Murguía

Árbore do monte de Ovidio Murguía

Técnica: Óleo sobre lenzo

Dimensións: 190 x 130 cm

Data: 1899

O cadro Árbore do monte foi realizado por Ovidio Murguía en 1899 –un ano antes da súa morte–, durante a súa estancia en Madrid, seguindo os esquemas da pintura de paisaxe realista europea do século XIX. O autor dálle prioridade nesta composición ao primeiro plano, no que destaca a árbore e o motivo dos penedos. Á súa vez, a apertura do espazo dirixe a vista aos planos do fondo e serve de enlace coa cadea montañosa.

Cunhas dimensións de 190×130 centímetros, Árbore do monte é, posibelmente, o lenzo de maior tamaño que pintou o fillo de Rosalía. A peza garda relación con outras dúas que recollen paisaxes da Serra do Guadarrama e que se conservan no Museo de Belas Artes da Coruña e no Museo de Pontevedra. Porén, a diferencia destas dúas obras, a cimeira das montañas pasa a un segundo plano e o autor recupera fórmulas onde as árbores cumpren o mesmo papel que as figuras nas obras de composición, tal e como acontece nas paisaxes de finais do século XIX.

A protagonista é unha árbore senlleira, caducifolia, que desprega en maxestuosidade a súa copa ao pé dun regato. O propio Murguía chegara a escribir que “los paisajes con árbol son los que la gente entiende (…) y si puedes no dejes de poner aguas que ya sabes lo bien que hacen”. Dous anos despois deste consello enviado a Madrid por carta, Ovidio Murguía pintou Árbore do monte