Figueira da Casa de Rosalía
Ficus Carica L (Rexión Mediterránea, Asia Menor)
Árbore monumental e senlleira dos tempos de Rosalía. Un dos rexistros florísticos máis prezados de Galicia.
Esta figueira, xa histórica, leva resistindo heroicamente as inclemencias do tempo e a escasa lonxevidade da súa especie. O exemplar foi perdendo a galanura fisionómica que luciu nos seus mellores tempos, mais grazas aos coidados recibidos nas últimas décadas continúa a ser a principal referencia do Xardín da Casa de Rosalía. Non existe documentación que permita coñecer a data de plantación, e aínda que nos gusta a crenza de Maruxa Villanueva, que sempre defendeu a probable plantación por parte da autora (os recoñecidísimos versos que sinalamos abaixo non fan máis que alimentar esta posibilidade), o certo é que tal cousa non é posible, pois estes versos foron publicados en ‘Cantares gallegos’ en 1863 e Rosalía instalouse na Casa da Matanza anos máis tarde.
“Miña terra, miña terra,
terra onde me eu criéi,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantéi,”