Iniciativa para poñerlle o nome de Rosalía a unha estrela
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío vén de promover unha campaña, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, para poñerlle o nome da autora padronesa á estrela HD 149143, e Río…
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío vén de promover unha campaña, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, para poñerlle o nome da autora padronesa á estrela HD 149143, e Río Sar ao seu planeta HD149143b. Desde o pasado venres xa é posible votar entre varias opcións na web http://nombraexoplanetas.es/ ata o 12 de novembro e nas redes sociais estase a utilizar o cancelo #EstrelaRosalía.
Na rolda de prensa que tivo lugar no salón de actos da Casa das Ciencias presentaron a iniciativa o seu coordinador, Martin Pawley, ademais de membro da xunta directiva da Agrupación Ío, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.
A idea partiu da campaña mundial da Unión Astronómica Internacional para celebrar o seu centenario: NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.
HD 149143 é a estrela asignada a España. É unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío propuxo nesta campaña o nome de Rosalía de Castro para a estrela HD 149143, e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a súa proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
Os votos recolleranse a través da web http://nombraexoplanetas.es/ ata o día 12 de novembro. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país.
Rosalía de Castro (1837-1885) é a figura máis grande das letras galegas, mais é tamén unha das máis importantes escritoras en lingua castelá. A súa obra, sexa en galego ou en español, sexa no campo da poesía, da narrativa ou do ensaio, convértea nunha referencia universal. Foi unha escritora crítica con toda clase de inxustizas, grande defensora da natureza e indiscutibelmente feminista. Un tesouro cultural que traspasa xeracións, por iso Rosalía resulta sempre plenamente contemporánea e permanece viva na sociedade actual.