Constitución do Padroado Rosalía de Castro no salón artesoado do pazo de Fonseca en Santiago no ano 1949. José Mosquera Pérez le a memoria das xestións realizadas para a constitución. De fronte, cos ollos pechados, Borobó. En segundo plano, na presidencia, de esquerda a dereita: José Mosquera Pérez, Manuel Casas Fernández, Arturo Souto Vizoso, Luís Iglesias Iglesias, Luís Legaz Lacambra e Salustiano Portela Pazos. (Foto Artús)

É unha organización de interese galego que ten como finalidade fomentar e difundir o culto á memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos; conservar o conxunto da Casa-Museo de Rosalía; conservar e incrementar o patrimonio rosaliano dispoñéndoo do mellor xeito para que poida ser contemplado e estudado; coidar do Mausoleo de Rosalía sito San Domingos de Bonaval; e celebrar actos en conmemoración das datas rosalianas (24 de febreiro e 15 de xullo) así como o 25 de xullo en Santiago de Compostela.

Ten a súa sede na Casa da Matanza, en Padrón (A Coruña).

 

Unha institución con máis de 70 anos…

O Padroado Rosalía de Castro, que se fundara no Hotel Compostela de Santiago o 15 de novembro de 1947, tranformouse en Fundación Rosalía de Castro nun acto celebrado no Colexio de Fonseca da mesma cidade o 29 de decembro de 1995. Os seus estatutos foron legalizados pola Xunta de Galicia en decembro de 1997.

… e moita historia

Logo da Guerra Civil, proscritos ou exiliados a maioría dos líderes do galeguismo, os que permanecen en Galicia renuncian á resistencia política e refúxianse nun labor exclusivamente cultural. A adquisición da Casa de Rosalía en 1947 é unha oportunidade extraordinaria para traballar nesa dirección, creando o Patronato Rosalía de Castro.

Este Patronato ocúpase de coidar a Casa e mais o Mausoleo, de promover o estudo da vida de obra de Rosalía e tamén de Murguía. Durante o réxime franquista, as misas por Rosalía que organiza o Patronato todos os 25 de xullo convértense no único acto público no que se consentían a lingua galega e as reivindicacións galeguistas.

A progresiva apertura política a partir dos 70 baleirou o Patronato de todas as connotacións políticas e, sobre todo, desa condición de refuxio do galeguismo, converténdose en 1995, por necesidades de tipo legal, na Fundación Rosalía de Castro.