A Fundación editará ‘De Cantares Hoxe’ xunto coa Radio Galega
A Fundación Rosalía e a Radio Galega conmemoran o Día de Rosalía (24 de febreiro) cun programa especial do Diario Cultural na Casa-Museo ás 19h. Ademais, Anxo Angueira e o alcalde de Santiago realizarán unha ofrenda floral a Rosalía na estatua da Alameda. A Fundación tamén promove a acción nas redes sociais #euRosalía, que anima a facer un ‘selfie’ con calquera motivo relacionado con Rosalía.
A Fundación Rosalía de Castro pecha o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ celebrando o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural que servirá de marco para a presentación do proxecto de edición de “De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro” que asumirá a Fundación en colaboración coa Radio Galega. Coa edición en libro-cd culmina o proxecto promovido polo informativo cultural da radio pública que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e a directora da Radio Galega, Rosa Martínez, presentarán o proxecto no acto co que as dúas entidades conmemoran o Día de Rosalía. Os poemas inéditos lidos por algúns dos autores e autoras que participan en De Cantares Hoxe e a música na voz de Najla Shami forman parte dun programa especial do Diario Cultural aberto ao público e no que se revisará tamén a pegada da obra de Rosalía de Castro na poesía contempornea.
Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Carmen Blanco, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Luís González Tosar, Elvira Ribeiro, Cesáreo Sánchez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar, María Lado, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xabier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, María do Cebreiro, Xabier Cordal, María Reimondez, Manuel Darriba, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña, Lino Braxe, Antía Otero, Román Raña, Dores Tembrás, Celso Fernández Sanmartín e Susana Sánchez Aríns son os autores e autoras que participan no proxecto “De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI”.
“De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Século XXI” procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O resultado é unha das antoloxías poéticas sonoras con textos inéditos mais extensas e plurais da historia da literatura galega.
O acto de presentación desenvolverase o luns 24 de febreiro ás 19 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.
Ofrenda floral
Como todos os anos, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, fará en colaboración co Concello de Santiago unha ofrenda floral en Compostela. Por mor das obras que se están a realizar no lugar onde naceu Rosalía hai 177 anos, na actual Praza de Vigo, a ofrenda trasládase á Alameda. Será o luns 24 ás 10.30 horas da mañá, cando membros da Fundación e do Concello partan da Porta Faxeira cun grupo de gaiteiros ata a estatua da Alameda, onde se levará a cabo a ofrenda.
#euRosalía, un ‘selfie’ rosaliano
O 24 de febreiro rematan as celebracións do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ e desde a Fundación propoñemos unha acción colectiva en Internet que integre á maior xente posible, tanto en Galicia coma no resto do mundo.
Trátase de que o día 24 todos e todas nos fagamos unha autofoto (un ‘selfie’, como se chama agora) con calquera motivo relacionado con Rosalía (cun libro dela, a carón dunha estatua, dunha placa, dunha camisola…) e a comparta nas redes sociais, usando o hashtag #euRosalía, de forma que sexa fácil de atopar para todos/as.