A Cidade da Cultura cede á Casa-Museo a recreación dun vestido de Rosalía

A Casa de Rosalía exhibirá, ao termo da exposición ‘Con-fío en Galicia’, a recreación dun traxe da poeta realizado pola deseñadora Carme Pichel a partir dunha fotografía.

A Cidade da Cultura de Galicia cédelle á Fundación Rosalía de Castro unha das pezas creadas para a mostra ‘Con-fío en Galicia’ para a súa exhibición ao público na Casa Museo de Rosalía. A través dun convenio asinado esta mañá, a recreación do traxe de Rosalía realizada pola deseñadora Carmen Pichel poderá ser visitada no Salón da Autora que alberga a Casa da Matanza de Padrón.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro, asinaron o convenio de colaboración para o préstamo en comodato desta obra téxtil. Tras a clausura da exposición ‘Con-fío en Galicia’, que terá lugar o vindeiro 11 de setembro, o traxe de Rosalía viaxará ata Padrón, onde poderá ser visitado xunto aos demais obxectos e patrimonio da escritora.

A recreación do traxe de Rosalía, creado pola modista e deseñadora Carme Pichel, está inspirada nunha fotografía realizada por Encausse na Coruña no ano 1855 e pertencente á Real Academia Galega. Trátase dun traxe de mocidade de Rosalía de Castro, formado por unha enagua, camisa interior, faltriqueira, saia e chaquetilla.
vestido-rosalia-cdc-peq