Panorámica da Casa-Museo
Na Casa-Museo proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Na planta baixa, denominada “O perfil dunha sombra”, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o entorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora.
Na sala 1, faise un percorrido pola vida de Rosalía, a través de fotografías dos lugares que gardan relación coa autora e coa súa familia. Na segunda sala encóntranse algunhas primeiras edicións dos libros de Rosalía e publicacións relacionadas coa autora e a súa obra. Tamén se poden observar imaxes que reflicten o modo de vida da sociedade do século XIX en Galicia. E na Sala de Ofrendas pódense contemplar todo tipo de agasallos a Rosalía realizados desde que se inagurou a Casa-Museo en 1971.
Na primeira planta, denominada “O seu”, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. Na cociña consérvanse os utensilios e mobiliario típicos da época, como a lareira, a artesa ou a sella. No cuarto das fillas de Rosalía (onde viviron as catro) consérvase o escritorio de poeta. E na cama do seu propio cuarto, onde faleceu, hai sempre unha flor, ofrenda diaria que comezou a facer Maruxa Villanueva, e que se segue mantendo a día de hoxe.
No salón pódense apreciar algúns cadros do pintor Ovidio Murguía, fillo de Rosalìa, e tamén diversos obxectos persoais da autora. E, por último, na biblioteca Manuel Murguía atópanse algunhas das obras escritas polo marido de Rosalía, como Historia de Galicia ou Os Precursores, e algúns obxectos persoais e retratos do historiador e escritor.