Naceu en Barrela en 1906 en finou en Santiago de Compostela en 1998. Dedicou toda a súa vida ao coñecemento e exaltación da cultura galega. Desde 1971 ata o ano do seu pasamento foi coidadora da Casa de Rosalía, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante en Arxentina desde os 20 anos, alí converteuse nunha cantante de éxito e actriz, ademais de en peza clave da cultura galega en Bos Aires, onde colaborou moi activamente nas actividades a favor da República.

Premer en calquera das imaxes para ampliar e abrir o visor

Estivo casada co dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán e xuntos formaron unha compañía teatral estable que levaba o seu nome, ‘Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva’, coa que estreou, entre moitas outras, a obra ‘Os vellos non deben de namorarse’, de Castelao. Durante os anos que botou na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Fernando Iglesias “Tacholas” ou co propio Castelao.

En 1949 regresou a Galicia onde chegou a montar unha pequena compañía, ‘Os Labregos’, pero a censura franquista rematou coa súa actividade, o que a fixo voltar a Bos Aires en 1958, desencantada pola situación.

En 1962 retorna definitivamente a Galicia e cando en 1971 o Dr. Agustín Sixto Seco foi elixido presidente do Padroado Rosalía de Castro propúxolle a Maruxa atender a Casa Museo, onde tamén viviría a partir de 1974. Desde entón dedicou todo o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converteuse nunha auténtica especialista no tema.

Foi obxecto, tanto en Galicia como en Bos Aires, de numerosos premios e homenaxes, entre eles a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e, postumamente, o premio María Casares de teatro.

Maruxa Villanueva, que naceu como María Isaura Vázquez Blanco, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 aos 92 anos de idade.