Primeiro identificador do Padroado. Creado a instancia de Xosé Mosquera no comezo dos anos cincuenta do s.XX

No outono de 1947 créase o Patronato Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza, en Padrón, casa na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Restaurouse en 1971 e converteuse na Casa-Museo en 1972. A Fundación, que continúa o labor do Padroado, é a actual propietaria.

Neste espazo proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Na planta baixa, denominada “O perfil dunha sombra”, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o entorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora. Na primeira planta, denominada “O seu”, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga.

A historia da Casa

Maruxa Villanueva
Desde 1971 ata o ano do seu pasamento foi coidadora da Casa de Rosalía, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano

Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano.

Da montaxe e dirección do Museo encárgase Xosé Fernando Filgueira Valverde, con tres liñas moi claras: a didáctica, a expositiva e a evocativa. En 1977 fíxose unha remodelación xeral discreta.

Desde 1970 fóronse adquirindo outras propiedades ademais da Casa e da horta. En 1975 inaugúrase unha vivenda para a encargada da Casa (Maruxa Villanueva), unha Sala de Xuntas, un Arquivo da Fundación e servizos públicos e almacéns. En 1985 faise o Auditorio, con capacidade para 150 persoas e en 1999 o Centro de Estudos Rosalianos para crear unha biblioteca rosaliana, fomentar a investigación, organizar cursos e seminarios e crear unha liña editorial de calidade.

Desde a súa inauguración, a Casa de Rosalía coa horta e as instalacións complementarias, converteuse nun epicentro cultural de Galicia.

Diferentes imaxes da Casa ao longo do tempo