Xosé Ramón Barreiro, novo membro do Padroado
O historiador Barreiro Fernández é o principal experto na vida e obra de Manuel Murguía. Foi ademais o presidente da Real Academia Galega.
A Fundación Rosalía de Castro celebrou na tarde do 15 de xullo o plenario do seu Padroado, no que se aprobou a entrada dun novo membro en substitución da falecida María do Carme Kruckenberg. Trátase do historiador Xosé Ramón Barreiro, ex presidente da Real Academia Galega e máximo experto na figura de Manuel Murguía.
Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936), é un dos máis prestixiosos historiadores galegos e foi o presidente da Real Academia Galega durante o período 2002–2009. É catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na Universidade de Santiago de Compostela.
É tamén o principal estudoso de Manuel M. Murguía, o marido de Rosalía de Castro. Sobre este tema ten publicado varios libros: o ensaio Murguía (Galaxia, 2012) e obras colectivas como Instantes dunha vida: Manuel Murguía (con Felipe Senén e Henrique Rabuñal); Manuel Murguía’(La Voz de Galicia, 2000), con Xosé Luís Axeitos; e Cartas a Murguía (Fundación Pedro Barrié, 2005).