Unha estrela en Ofiúco chamada Rosalía de Castro
Finalmente a estrela HD 149143 levará o nome de Rosalía de Castro e o seu exoplaneta, Río Sar. Máis de 34.000 persoas participaron na votación online, e a opción de Rosalía foi claramente a máis apoiada entre as doce posibles.
A Unión Astronómica Internacional vén de anunciar nunha conferencia de prensa en París que a estrela HD 149143 levará por nome Rosalía de Castro, e o seu exoplaneta, Río Sar. A escritora galega foi a clara vencedora da votación en liña para elixir o nome desta estrela, acadando un 39% dos votos totais, uns 13.413 de 34.179.
Este procedemento para nomear astros forma parte do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) como parte das actividades de celebración do seu centenario. Dentro da campaña NameExoWorlds, asignóuselle a cada país, máis de 110 en total, un sistema formado por unha estrela e o planeta que a orbita para que se lle dera nome mediante participación cidadá. No caso español votouse entre unha ducia de propostas a través da web www.nombraexoplanetas.es.
Por detrás de Rosalía e Río Sar ficou Tirant e Carmesina, con máis de 5.600 votos, e os nomes dos amantes de Teruel, Diego e Isabel, con máis de 4.500 apoios. En 2015 xa foi elixido con este mesmo método outra estrela que pasou a chamarse Cervantes, cos seus catro planetas: Quijote, Rocinante, Sancho e Dulcinea.
A proposta de Rosalía de Castro partiu da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que utilizou o cancelo #EstrelaRosalía para a súa promoción en redes sociais. Ademais produciu paneis explicativos que rularon durante estes dous meses de campaña por centros educativos e culturais de todo o país. Tamén se repartiron dez mil folliñas informativas e 300 pósteres da campaña.
Estrela anana
A xa denominada “Rosalía de Castro” é unha estrela anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
Rosalía de Castro (1837-1885) é a figura máis grande das letras galegas, mais é tamén unha das máis importantes escritoras en lingua castelá. A súa obra, sexa en galego ou en español, sexa no campo da poesía, da narrativa ou do ensaio, convértea nunha referencia universal. Foi unha escritora crítica con toda clase de inxustizas, grande defensora da natureza e indiscutiblemente feminista. Un tesouro cultural que traspasa xeracións, por iso Rosalía resulta sempre plenamente contemporánea e permanece viva na sociedade actual.