Unha escola de carpintaría arranxará o balcón do Museo

O alumnado da especialidade Carpintaría e Moble do IES Losada Diéguez da Estrada arranxará o balcón de madeira da Casa-Museo Rosalía de Castro ao longo deste curso.

Esta mañá alumnado e mestres da especialidade de Carpintaría e Moble do IES Losada Diéguez da Estrada visitaron a Casa Museo Rosalía de Castro para ver as instalacións e comprobar o estado do balcón de madeira do edificio. Ao longo deste curso, e durante as súas prácticas académicas, estes alumnos e alumnas restaurarán esta parte da Casa, seriamente deteriorada logo de 40 anos de uso.

A idea inicial é recuperar o estilo da balconada primitiva, que se pode ver perfectamente nas fotos anteriores a 1971, e facelo en madeira do país, concretamente de freixo, cun tratamente protector que a  faga o máis duradoira posible. Para elaboraren o proxecto, coa axuda dos seus profesores, hoxe tomaron as primeiras medicións do conxunto.

O obxectivo é, despois das pertinentes aprobacións de Patrimonio, conseguir rehabilitar o balcón a finais do presente curso. Tanto os alumnos do Ciclo Medio de Carpintaría e Moble do IES Losada Diéguez da Estrada, como os seus profesores Xosé Xoán Blanco, Xosé Ramón González e Xosé Magariños, amosáronse entusiasmados de levar adiante un proxecto no que aprender e traballar en carpintaría teña unha aplicación tan significada na emblemática Casa de Rosalía.

Xunto a eles, e como mostra desta colaboración entre a Fundación e o IES Losada Diéguez da Estrada, tamén realizaron unha visita da Casa-Museo os alumnos e alumnas de terceiro de ESO, despois da cal puideron visionar no auditorio un vídeo sobre a nosa autora.

balcon-IES2-baixa