Tres novas pezas e mellora das instalacións
A Casa-Museo de Rosalía vén de incorporar tres novas pezas de Ovidio Murguía (dous novos cadros de Ovidio datados en 1895.
Esta mañá presentouse na Casa-Museo de Rosalía de Castro unha actualización da súa museoloxía, con melloras nas instalacións e dous novos cadros e unha paleta de Ovidio, o fillo de Manuel Murguía e da autora de Padrón.
As novas incorporacións foron presentadas polo presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, cuxo departamento se fixo cargo das melloras dunha museoloxía que foi renovada por completo polo deseñador Pepe Barro entre os anos 2012 e 2017, 45 anos despois da súa apertura en 1972.
Os novos cadros de Ovidio Murguía (Lestrobe, 1871 – A Coruña, 1900) adquiridos pola Fundación Rosalía de Castro o ano pasado son dous óleos realizados en 1895 (“Labrando a terra” e “Paisaxe galega con figura”), e unha paleta pintada polo artista, que canda un óleo sobre azulexo titulado “A Flor” que xa estaba nos fondos da Fundación (un exercicio de aprendizaxe do neno Ovidio) pasan a formar parte da exposición da Casa-Museo.
O azulexo pintado, que agora se expón, así como os cadros e a paleta, adquiridos a unha familia a Coruña, seguramente proceden das pezas vendidas polas fillas de Rosalía en 1935, nunha exposición realizada na Asociación de Artistas da Coruña, entidade da que formaba parte a pintora María Corredoyra, quen fai a doazón do azulexo.
En canto ás melloras técnicas na museoloxía, financiadas pola Consellaría de Cultura e Turismo, houbo cambios na iluminación coa incorporación de focos led e melloras na conservación grazas á instalación de filtros para amortecer os raios ultravioletas nos cristais das xanelas da Casa-Museo.
Melloras na musealización
No referido á exposición, incorporouse unha nova vitrina para expoñer unha paleta pintada por Ovidio Murguía cunha escena alegórica ás musas, recentemente adquirida pola Fundación Rosalía de Castro, así como tres novas reproducións fotográficas (imaxes dos compañeiros de mocidade de Rosalía: Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, e de Otero Pedrayo no acto inaugural do monumento a Rosalía en Padrón). Alén disto, realizáronse melloras na seguridade e na exposición dalgunhas pezas.
Boa parte desta actualización da museoloxía aféctalle á primeira estancia que está dedicada ao primeiro presidente da RAG, con obxectos que lle pertenceron, entre outras cousas, e ás fillas e fillo do casal: Ovidio, con varios cadros, e Alejandra, Gala, Aura e Amara.
Rosalía e Murguía tentaron facer da familia unha factoría cultural. Ovidio encarreirouse á pintura, pero non chegou a cumprir os trinta anos, cando comezaba xa a iluminar a paisaxe galega. Alejandra, a máis vella dos cinco irmáns, coida dos pequenos e da nai doente, pero ensina a debuxar a Ovidio, corrixe probas e mesmo realiza deseños para o seu pai. Gala, xa na súa senectude, transmite o legado familiar e dá testemuña participando nos actos rosalianos que son xa unha verdadeira resistencia cultural ao franquismo.