A familia Murguía Castro comportouse coma unha factoría cultural no sentido de que non só Rosalía de Castro e Manuel Murguía tiveron un papel relevante como grandes líderes do Rexurdimento, tamén varios dos seus fillos deixaron un legado cultural importante. Alejandra, a maior, axudou a seu pai en varias tarefas, algunhas delas relativas á ilustración das revistas que el dirixía, ademais de deixarnos varias acuarelas de mérito. Ovidio foi un destacado pintor da súa xeración, aínda que a morte temperá nos privou de maior obra. Finalmente Gala gardou un importante legado, representou a memoria da familia durante décadas e foi clave na reconstrución da vida familiar na Casa da Matanza.
Manuel Murguía (1833-1923)
Manuel Antonio Martínez Murguía naceu en Arteixo o 17 de maio de 1833 e finou na Coruña o 1 de febreiro de 1923. Foi un historiador líder do galeguismo. Impulsou o Rexurdimento, creou a Real Academia Galega en 1905 e dedicóuselle o Día das Letras en 2000.
O 10 de outubro de 1858 casa con Rosalía en San Ildefonso de Madrid. Con vintecinco anos Murguía abandona a carreira literaria en Madrid e volve con Rosalía a Galicia. Ten que contar a historia do seu país. Deudor das ideas románticas, atribúelle aos celtas toda a enerxía da nación galega, pero a súa ‘Historia de Galicia’ (cinco tomos) segue a ser válida, sobre todo cando sinala un suxeito histórico diferenciado cultural e non racialmente. Na Casa da Matanza podemos ver expostos varios debuxos, un manuscrito autógrafo e varios tomos da súa ‘Historia’.
“Lengua distinta acusa distinta nacionalidad”. Estas son as palabras de Murguía no histórico discurso pronunciado en Tui en 1891. En 1905, co apoio económico da emigración, Murguía e outros intelectuais fundan a Real Academia Galega (foi presidente ata 1923). A súa acta fundacional redáctase en castelán pero a lingua galega xa estaba a florecer. Na Casa-Museo podemos ver exposta a chisteira do autor, varias fotografías e a acta da constitución da RAG.
Un pobo non é tal se non é quen de crear literatura, por iso Murguía, con só 29 anos, empéñase na redacción dun ‘Diccionario de Escritores Gallegos’. Toda a súa xeración pide a aparición dun poeta que escoite o cantar do pobo e cree en galego a verdadeira literatura galega. Faráo unha muller, a súa: Rosalía. Podemos ver expostas imaxes arredor de Murguía, probas de imprenta do ‘Diccionario’ e un pousa-papeis.
Ovidio Murguía (1871-1900)
Fillo de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, Ovidio Murguía naceu en Lestrove en 1871, xemelgo de Gala. En 1887 matricúlase na clase de debuxo de José María Fenollera imparte na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, onde traba amistade co mozo Jenaro Carrero e, sobre todo, coñece no museo desta institución, mercede aos depósitos do Museo do Prado, obras representativas do máis granado do paisaxismo español do momento que lle serven de base sólida a súa formación como pintor.
Visita Madrid por primeira vez en 1892 e tres anos máis tarde instálase na Coruña, cidade á que fora trasladada seu pai ao se incorporar ao arquivo do Reino de Galicia, e expón varias obras nos escaparates da rúa Real que lle serven para adquirir certa notoriedade na cidade.
En 1897 decide completar a súa formación en Madrid. Falto de recursos propios, instálase na casa do seu curmán, o escritor Alejandro Pérez Lugín, quen, ademais, sérvelle de introdutor nas tertulias de artistas e intelectuais, mentres desenvolve unha formación autodidacta no Museo do Prado e pintando paisaxes nos arredores de Madrid, á marxe dos talleres dos artistas consagrados e, mesmo, das clases na Escola Superior da Academia de San Fernando, recibindo iso si, numerosos consellos artísticos de seu pai, preocupado pola deixadez que a miúdo mostraba o mozo Ovidio.
En 1898 oposita e logra unha das prazas de debuxo de figura do Círculo de Belas Artes e consegue un traballo no Ministerio de Ultramar. Nese mesmo ano, o presidente do Senado, Montero Ríos, a pesar do enfrontamento que mantiña con Manuel Murguía, encárgalle a decoración dos salóns do Pazo de Lourizán, o que lle outorga unha certa autonomía económica que lle permite abandonar a casa de Pérez Lugín. Enfermo de tuberculose trasládase ao balneario de Caldas e, logo, a súa casa da Coruña onde falece en 1900.
A súa figura encádrase coa do seu compañeiro de estudos Jenaro Carrero e a de Parada Justel e Joaquín Vaamonde na que Bello Piñeiro denominou como a Xeración Doente.
A paisaxe non é a natureza é unha construción cultural, velaí o debate das artes no século XIX. E aí debe estar Ovidio, nacionalizando os horizontes galaicos, nun combate parello á construción da liateratura galega. Apoiado desde neno pola súa familia, Ovidio estuda na escola da Sociedade Económica de Santiago e prosegue a súa formación en Madrid. Con 28 anos a tise deixa amputada a súa carreira, cando o artista comezaba a iluminar a paisaxe galega.
Podemos ver expostas varias obras do pintor (como a “Árbore do monte”), alén da súa paleta e a súa carteira de peto con documentos.
Alejandra (1859-1937)
Alejandra Martínez-Murguía de Castro foi a filla máis vella de Rosalía e Murguía, ademais de afillada de Alejandro Chao, editor de súa nai. Naceu en Santiago de Compostela o 12 de maio de 1859 e finou na Coruña o 22 de marzo de 1937.
Debuxante e pintora, foi mestra do seu irmán, o pintor Ovidio Murguía. Colaborou en La Ilustración Gallega y Asturiana (dirixida por Murguía), na que deseñou a cabeceira que se empregou dende o 20 de xullo de 1879.
Na Casa-Museo amósanse tres acuarelas súas, ademais da partitura da Alborada de Rosalía tal como a cantaba Alejandra, apuntamentos con refráns galegos recollidos por ela mesma e a cabeceira que deseñou.
Aura (1868-1942)
Nace en Santiago (Rúa Callobre, 40) e finará en Carmona en 1942.
Gala (1871-1964)
Xemelga de Ovidio, foi a filla máis lonxeva de Rosalía e Murguía e tivo un papel importante na apertura da Casa-Museo.
Amara (1873-1921)
Nace na Coruña (Príncipe 3, 2º) e finará na mesma cidade en 1921.
Adriano Honorato Alejandro (1875-1876)
Nace en Santiago (Senra, 17 principal) e falece ao caer dunha mesa 19 meses despois.
Valentina (1877)
Nace morta en Santiago.