Rosalía na Coruña
Artigo de Anxo Angueira sobre a importancia da Coruña na obra e na vida de Rosalía, publicado no libro 'Cidade das mulleres. Veciñas ilustres da Coruña, vol.1'.
Rosalía de Castro (1837-1885) é unha figura que se foi convertendo nun auténtico emblema contemporáneo de Galicia e accedeu ó recoñecido posto de escritora nacional galega. A defensa da dignidade da nosa lingua e da nosa cultura, a denuncia das inxustizas, da situación dos oprimidos e excluídos, preferentemente mulleres, son algúns dos fíos cos que se pode comezar a tecer a súa complexa figura. Pero nese tecido non debe faltar o carácter rupturista e pioneiro dos seus posicionamentos, incluídos os estéticos, e o talento con que se desenvolveu, en prosa ou en verso, na temática social ou intimista, e que chegou a dar froitos literarios como “Negra sombra”, que coa música de Juan Montes, tamén se converteu nunha especie de himno lírico do pobo galego.
A cidade da Coruña non é un espazo menor na vida e mais na obra da nosa autora. Na Coruña Rosalía viviu varios anos e trala súa morte en 1885 aquí residiu Manuel Murguía cos fillos, o que fixo que a cidade da Torre de Breogán acolla hoxe os fondos documentais e bibliográficos máis relevantes da familia.
Precisamente, pouco despois de que Manuel Murguía, logo de Simancas, conseguise destino no Arquivo Xeral de Galicia a finais de 1870, a familia vive na Coruña. Faino entre 1871 e 1874, na casa número tres da rúa do Príncipe. Alí naceu a única filla coruñesa do matrimonio: Amara (1873-1921). A esa casa da Cidade Vella e á estancia de Rosalía na Coruña cómpre vincular dous poemas realmente importantes dentro da obra rosaliana e que a autora incorpora a Follas novas (1880). Un deles é o asinado expresamente na Coruña en 1871 con este título: “Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore, morto na Batalla de Elviña (Coruña) o 16 de xaneiro de 1809”. Leva tamén unha dedicatoria: “Á miña amiga Maria Bertorini, nativa do país de Gales”. Non nos debe pasar por alto que esta María Bertorini (María Margarita Jones), era bisavoa Camilo José Cela. Pola súa banda, o xeneral Moore (1761-1809) mereceu polo seu heroísmo na defensa da cidade da Coruña fronte ás tropas francesas varios recoñecementos coma o de xaceren os seus restos nun mausoleo edificado no Xardín de San Carlos, adornado precisamente con versos de Rosalía e Charles Wolfe (1791-1823), en inglés e en galego, que poden lerse en lápidas de honra á memoria do xeneral.
No seu poema, brillante oda byroniana, Rosalía actúa como poeta nacional. As relacións de Galicia con outros espazos culturais e políticos, adquiren aquí unha dimensión certamente senlleira. Rosalía asume o papel de poeta que fala en nome do pobo, «un puebro / co seu respeto compasivo», que acolle e vela as cinzas do heroico xeneral estranxeiro. A figura de Moore fora xa visitada literariamente por autores románticos ingleses: a súa heroicidade era a de morrer, ficando só e lonxe, para salvar a fuxida dos seus soldados. En certo sentido, Rosalía contesta ese abandono en que fora deixado: «We carved not a line, and we raised non a stone / But we left him alone with his glory» (Charles Wolfe). É Galicia unha terra que sabe honra-lo estranxeiro: «Terra fidalga é nosa terra». E é Rosalía unha poeta que nesta elexía, tantos e tantos anos retrasada, fai que Sir John Morre renaza mozo e cheo da compaña de distantes sombras: o sillón, o fogar sen lume, a alfombra, o can que agarda… Hai polo tanto un diálogo interliterario de cuxo fondo emerxe con forza a figura de Lord Byron. Mais tamén, como alenta a dedicatoria a María Bertorini, «nativa do país de Gales», parece que o texto, case sesenta anos despois da Batalla de Elviña, quere articular unha serie de pontes culturais e políticas entre Galicia e as Illas Británicas, substrato ideolóxico nado so o paraugas do celtismo. O mar aquí, máis que o espazo da traxedia, é precisamente esa talasocrática e aberta ponte:
«I o mar, o mar, o bravo mar que ruxe / cal ruxe aquel que te arrolou na cuna».
En todo caso a autora edifica un novo mausoleo de palabras para o heroe estranxeiro. Faino desde a compaixón, mais tamén desde o consolo: a súa morada é fermosa, está nun xardín ó pé do mar e un pobo enteiro vélaa con respecto.
O outro dos poemas é “Pra A Habana”, que encabeza o libro de Follas novas que leva por título “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos”. É un poema emblemático e nel tamén a nosa autora escribe desde unha posición de escritora nacional, pois fala da épica da emigración que vai desenvolver desde o punto de vista destas “viúvas de vivos e mortos / que ninguén consolará”. Pois ben, na terceira parte do poema a autora sitúanos no Parrote, no porto da Coruña, diante da escena das colas de emigrantes preparados para embarcaren. Fronte á estampa atractiva da distante ribeira, a traxedia dos «humanos seres» descrita cunha banda sonora en que se mesturan risas e xuramentos. No final desta parte escíndese a traxedia e aparece un novo suxeito social: por un lado están os emigrantes que parten, pero por outro as nais e mulleres que os agardan. Probabelmente sexa esta a primeira vez que se canta en Galicia e en galego o drama da emigración transoceánica. Quen describira a épica dos segadores en Castela, eleva agora a suxeito literario e tamén épico as Penélopes que fican. Esas van ser as auténticas protagonistas da traxedia da emigración.
Gabanza da Coruña
En decembro de 1861, camiño de Compostela procedente de Madrid (así eran as viaxes naquel tempo) Rosalía de Castro pasa pola Coruña. Ó chegar escríbelle a Murguía unha gabanza desta cidade, ponderada moi positivamente fronte a Compostela:
“En Santiago hace un frío espantoso y apareció a mis ojos tal cual lo he descrito en Mauro. Jamás he visto tanta soledad, tanta tristeza, un cielo más pálido. En cambio, La Coruña estaba hermosísima. Una temperatura de primavera y un sol brillante. Estaba por quedarme ya en ella.”
[***Artigo publicado por Anxo Angueira no libro ‘Cidade das mulleres. Veciñas ilustres da Coruña, vol.1’ (2021) Colección Noroeste, da Asociación de la Prensa da Coruña e a Fundación Wenceslao Fernández Flórez, n.º 2. ]