Unha nova Casa de Rosalía
En decembro de 2012 comezaron as obras de acondicionamento interior da Casa-Museo Rosalía de Castro, resultado do convenio de cooperación asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cofinanciado cos fondos FEDER.
[Agardar ou clicar para pasar imaxe]
O proxecto incluíu as obras para permitir a accesibilidade a todo o edificio, a eliminación de humidades no chan e nas paredes da planta baixa, con instalación de solo radiante, o acondicionamento da carpintaría exterior e trasdosados, instalación dun novo sistema de electricidade e iluminación así como o de seguridade e contraincendios.
Tratouse dun investimento e dunhas obras necesarias para poder acometer posteriormente a reforma do perfil museográfico da Casa-Museo e dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes.
Reforma do perfil museolóxico e museográfico
En marzo de 2015 conseguimos inaugurar a reforma museolóxica da planta baixa da Casa-Museo da Matanza, que foi financiada nun 80% pola Deputación da Coruña.
Máis de 40 anos despois da súa apertura ao público, a Casa-Museo precisaba dunha renovación urxente da súa museoloxía, adaptándoa aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora, así como incorporar á narrativa novas pezas. Polo tanto, o obxectivo desta reforma museolóxica é ofrecer unha perspectiva que permita comprender ao/á visitante a importancia de Rosalía como figura central da cultura galega, achegando a información esencial para entender a súa obra, a do seu marido e mesmo a do seu fillo, o pintor Ovidio Murguía.
As liñas museográficas mesturan a exposición de pezas senlleiras como o retrato de Rosalía por Modesto Brocos ou mobles da familia Murguía-de Castro, coa reprodución de documentos de arquivos e bibliotecas como manuscritos ou edicións especiais. Fundamental é tamén a incorporación de pezas audiovisuais integradas na visita, así como a inmediata incorporación de audioguías, incluídas no prezo da entrada, que posibilitarán acceder a outros contidos e facilitarán a visita en galego, castelán e inglés.
A nova Casa-Museo
A nova planta baixa consta dos seguintes espazos:
0) Recepción
1) Unha casa para ela: a institución
2) Quen é Rosalía?: a vida
3) A rosa de cen follas: a obra
Lembramos que aínda queda pendente a renovación do primeiro andar, que acollerá outros tantos cuartos:
– Unha factoría cultural: a familia de Rosalía.
– Pasamento, símbolo e mito.
– “No meu gran salón”: os manifestos feministas.
– Os pais do país: Rosalía e Murguía.
O novo proxecto museográfico foi desenvolvido polo deseñador e comisario Xosé Barro e aprobado polo Plenario da Fundación Rosalía. Agora mesmo esta institución está inmersa na procura de financiamento para completar o proxecto (queda pendente o primeiro andar) e concluír a longamente desexada reforma.