Rosalía en Camiño 2024

Rosalía en Camiño 2024

COORDINA: CHUS PATO

 

Programa

 

Xoves 6 de xuño – Padrón, Casa de Rosalía

19.00 : “A beleza do cazador e a fin do mundo”: Miguel Rodríguez Monteavaro e Andreia C. Faria conversan e recitan. Modera Chus Pato.

20.00 Recital de Bernardo Atxaga, Andrea C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes e Miguel Rodríguez Monteavaro.

Venres 7 de xuño – Santiago, Claustro do Museo do Pobo

19.00 “Un mestrado en tesoiras e navallas: dime un nome, un son, un final”:
Andrea Nunes e Pol Guasch conversan e recitan. Modera Chus Pato.

20.00 “O arquivo da saudade e o baile da gadaña”: Brenda Mondelo e Bernardo Atxaga conversan e recitan. Modera Anxo Angueira.

Sábado 8 de xuño – Santiago, Auditorio do Museo do Pobo

12.00 Recital de Bernardo Atxaga, Andrea C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes e Miguel Rodríguez Monteavaro.

13.00 “A lluz Orión e a nova lluz”, un espectáculo de poesía, música e imaxe en galego de Asturias dirixido polo poeta Miguel Rodríguez Monteavaro, co artista sonoro Andrés Rodrigues e co cineasta Iván Torres. Baséase no texto homónimo do propio Monteavaro (A lluz, Orión e a nova lluz, 2024, Editorial Disbauxa).

 

[ENTRADA LIBRE ata completar capacidade]

 


 

En cada acto estará dispoñible a publicación ‘Rosalía en Camiño 2024’ con poemas de cada autor, que inclúe unha poesía en diálogo con Rosalía de Castro. Podes descargalo nesta mesma ligazón [PDF, 1.7MB].

Patrocina:

Colabora:


 

Poetas participantes

 

Bernardo Atxaga

Nado en Asteasu en 1951, o seu verdadeiro nome é Jose Irazu Garmendia. Entre os seus libros, escritos orixinalmente en eúscaro, destacan Obabakoak, (1989, Premio Euskadi, Premio Nacional de Narrativa), O home só, O fillo do acordeonista (Premio Grinzane Cavour e Premio Mondello), Sete casas en Francia, Días de Nevada, Casas e tumbas, Desde o outro lado e Exteriores do paraíso. Premio Cesar Pavese de poesía (2003), Premio Nacional das Letras Españolas (2019), Premio LIBER (2021) e Premio Ostana (2023). A súa obra foi levada ao cinema e ao teatro, e pode lerse en 36 linguas. É membro da Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia) desde o ano 2006.

 

Andreia C. Faria

Naceu no Porto, en 1984. Publicou Flúor (Textura Edições, 2013), Um pouco acima do lugar onde melhor se escuta o coração (Edições Artefacto, 2015) e Tão bela como qualquer rapaz (Língua Morta, 2017, Prémio SPA Poesia). En 2019 publicou Alegria para o fim do mundo (Porto Editora, Prémio Literário Fundação Inês de Castro), volume que reúne todos os libros anteriores. Em 2020 publicou o conxunto de prosas Clavicórdio (Língua Morta), en 2022 Canina (Tinta da China, Prémio PEN Clube) e en 2024 Canto do Aumento (Sr. Teste, con debuxos de Rita Roque).

 

Pol Guasch

Pol Guasch (Tarragona, 1997) é autor de Napalm al cor (Premio Llibres Anagrama de novela 2021), que se traduciu ao castelán, o inglés, o francés e o alemán, entre outros idiomas: «Un mundo de desexo e supervivencia, o despois da apocalipse marcado por diversas linguas, unha represión difícil de identificar e unha escritura tan misteriosa como bela» (Mariana Enriquez). Escribiu os libros de poemas Tanta gana (Premio Francesc Garriga, 2018) e La part del foc (Premio López-Picó, 2021). No 2022 recibiu o Premio Talento a bordo do Festival Eñe de Madrid e o Premio 42 Revelación en catalán. A súa última novela é Ofert a les mans el paradís crema.

 

Brenda Mondelo

Naceu no Seixo, Pedrafita do Cebreiro en 1994. É graduada en Xornalismo e Ciencia Política. Na súa primeira obra publicada, O espello de Celia (Premio Xoán Díaz), conversaba cunha das últimas habitantes da súa aldea. Gañou o (Re)inventando Xela Arias e o Lorenzo Baleirón con Neve, editado por Chan da Pólvora. Participou tamén na obra colectiva Última poesía crítica. Jóvenes poetas en tiempos de colapso.

 

Andrea Nunes

Marín, 1984. Vinculou desde os seus comezos a actividade poética ao activismo feminista. Corrente de esquecemento (2007) foi o primeiro dos seus libros, editado por Aturuxo (Federación de Asociacións LGBTQ). O seu segundo libro Todas as mulleres que fun (2011) foi finalista nos premios AELG. Escribe o seu último libro, conxuntamente con María Rosendo, Diáspora do amor balea. Traducida a varios idiomas o seu último libro é unha antoloxía bilingüe galego-castelán Esta disidencia que habitamos. Pertence ao colectivo As Candongas do Quirombo e á plataforma de crítica literaria feminista A Sega. Foi profesora en diferentes universidades en China, Italia e Galiza.

 

Miguel Rodríguez Monteavaro

Nado en Boal (Asturias, 1990), é poeta, músico e doutor en lingüística asturiana. Os seus poemas, escritos orixinalmente en galego e en asturiano, foron traducidos a varias linguas. Publicou varios libros de poesía: Trenta razóis pra nun medrar (Trabe, 2010), Todos os tristes de mayo (Trabe, 2013), Poemas pr’amantes e paquidermos (Trabe, 2013), superpoderes (Goberno do Principado de Asturias, Instituto Asturiano da Mocidade, Trabe, 2020) e o bilingüe Oi, que di mamá que volvas/Hey, mom says come back (Goberno do Principado de Asturias, Impronta, 2023). Tamén gañou varios premios como o XIX Premiu de Poesía Padre Galo (2012), Asturias Joven de Poesía (2019) ou o I Premio Ría del Eo de Poesía (2021).