Rosalía en Camiño 2022
Xoves 30 de xuño (Padrón)
- 11.00 Visita de lugares rosalianos da Terra de Iria, guiados por Manuel Lorenzo Baleirón [Saída da Casa de Rosalía, reservas aquí]
- 20.00. Recital na Casa de Rosalía con Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal, Nieves Neira Roca, María García Díaz, Tatiana Faia, Jaume Coll Mariné e José F.A. Oliver.
Venres 1 de xullo (Compostela)
- 10.00 Visita por lugares xacobeos e rosalianos en Compostela, por Manuel Lorenzo Baleirón [saída de Porta Faxeira, reservas aquí]
- 13.00 Presentación na Libraría Couceiro dos libros: ‘Neve de agosto’ de Nieves Neira, e ‘O gran poema’, de Constantino Bértolo
- 17.00 Visita guiada ao Museo do Pobo Galego e ao Panteón de Galegos Ilustres [reservas aquí]
- 19.00 Recital no Museo do Pobo Galego con Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal, Nieves Neira Roca, María García Díaz, Tatiana Faia, Jaume Coll Mariné e José F.A. Oliver.
Sábado 2 de xullo (Pontevedra)
- 11.00 Visita guiada ao Museo de Pontevedra [saída desde o Edificio Castelao, reservas aquí]
- 13.00. Recital no Salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra con Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal, Nieves Neira Roca, María García Díaz, Tatiana Faia, Jaume Coll Mariné e José F.A. Oliver.
Poetas participantes
- Constantino Bértolo: Tino de Féliz (nome comunal deste autor) naceu en Navia de Suarna en 1946. Aos nove anos marchou coa súa familia a Madrid onde estudou Filoloxía Hispánica. Durante décadas exerceu como crítico literario en diversos medios de prensa. Foi director da editorial Debate entre 1991 e 2003, e da editorial Caballo de Troya desde o 2000 ata a súa xubilación no 2014. La cena de los notables, sobre lectura y crítica (2008), Lenin, el revolucionario que no sabía demasiado (2012), Llamando a las puertas de la revolución. Textos de Karl Marx (2017) e Una Poética editorial (2022) son algunhas das súas publicacións. Os seus primeiros poemas datan dos anos sesenta e apareceron na lendaria Antología de la joven poesía española de 1966. O gran poema (2020) foi a súa primeira publicación en galego, lingua na que, confesa, está de regreso.
- Dores Tembrás: Bergondiño, 1979. Licenciouse en Filoloxía Hispánica en 2001 e en 2008, despois de anos investigando e diferentes estadías en Suecia, Madrid e Buenos Aires defendeu a súa tese doutoral: La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro. En 2009 publicou o seu primeiro poemario, O pouso do fume. A partir dese momento sucédense os traballos poéticos: Esquiagrafías, Diapositivas a clareo, Silabario e Opium. En 2013 gañou o Premio de Poesía Concello de Carral co libro Cronoloxía da urxencia e en 2016 publicou a plaquette Auga a través. O seu primeiro libro de poesía infantil, O peizoque Roque ve la luz en 2012. O seus textos foron traducidos a diversas linguas. En 2014 funda xunto á escritora Antía Otero o proxecto cultural Apiario, cunha área dedicada á formación, con cursos de escrita creativa epoética, e outra á edición de libros.
- Xabier Cordal: A Coruña, 1965. Comeza a publicar poesía en 1993 (Arianrod) tras a súa etapa como membro do colectivo Ronseltz, que se disolve antes de dar ao prelo Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994). A partir de aí chegan Fruto do teixo (Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, 1994), Afasia (1997), A vella peneira a noite (2001), transmuta (2012, Premio da Crítica Galicia 2013) e resistencia da auga (2018). Guionista, letrista de cancións e colaborador en revistas de crítica e ensaio, debuta como narrador con Relatos para televisión (2019).
- Nieves Neira Roca: Escritora e xornalista, gañou Premio de Xornalismo Johán Carballeira e vén de publicar o seu primeiro poemario, ‘Neve de agosto’ (Chan da Pólvora, 2022). Lugo, 1983. Traballa como xornalista, ámbito no que recibiu en 2020 o Premio Johán Carballeira. Actualmente desenvolve a súa tese no programa de Estudos da Literatura da USC sobre Uxío Novoneyra, e é colaboradora da Fundación que coida do legado do poeta na serra do Courel. Escribiu o libro O feitizo de Maruja Roca (aCentral Folque, 2020) e coeditou Fulgor. Lectura danzada de Maria Gabriela Llansol (Ámboa).
- María García Díaz: Pola de Siero, 1992. É profesora na Universidade Politécnica de Madrid e realiza investigación en información e tecnoloxías cuánticas en colaboración co Grup d’Informació Quàntica (Universitat Autònoma de Barcelona) e co grupo MathQI (Universidade Complutense de Madrid). Como poeta, publicou Espacio virgen (Torremozas, 2015), obra gañadora do XVI premio «Gloria Fuertes» de Poesía Joven, que foi tamén finalista do Premio Nacional de Poesía Joven «Miguel Hernández»; Llírica astraición (Saltadera, 2016), en asturiano, e Suave la matriz (Saltadera, 2018). Ye capital tolo que fluye (Ultramarinos, 2021), con tradución ao castelán de Xaime Martínez, é o seu último poemario en lingua asturiana.
- Jaume Coll Mariné: Muntanyola, 1989. É escritor e músico. Publicou os poemarios Quanta aigua clara als ulls de la veïna (2014) i Un arbre molt alt (2018). É baixista do grupo Obeses. Forma parte do consello editorial de Reduccions e de La Lectora. Premio Ausiàs March de Poesía, Premio da AELC ao mellor libro de poesía publicado en 2018 e Premio Jordi Domènech de tradución de poesía.
- Tatiana Faia: Naceu en 1986. É autora de catro libros de poemas: Lugano (2011), teatro de rua (2013), Um quarto em Atenas (2018) e Leopardo e Abstracção (2020), e dun libro de contos, São Luís dos Portugueses em Chamas (2016). En 2019, o Prémio Pen de Poesia foi atribuído a Um Quarto em Atenas. É unha das responsábeis, con João Coles, José Pedro Moreira e Victor Gonçalves, do proxecto editorial independente Enfermaria 6. É doutorada en Literatura Grega Antiga cunha tese sobre a Ilíada de Homero. Traduciu para português Homero e Anne Carson. Vive e traballa em Oxford.
- José F.A. Oliver: De orixe andaluza, José Francisco Agüera Oliver nace no ano 1961 en Hausach (Selva Negra/Alemaña), onde vive e traballa como poeta, ensaísta e tradutor. Entre outras distincións recibe o Premio Adelbert von Chamisso (1997), o Premio de Cultura de Baden-Wurtemberg (2007), o Premio de Poesía da Cidade de Basilea (2015), a Cátedra de Poesía Liliencron (2019) e o Premio Heinrich Böll (2021). Profesor convidado no MIT (Cambridge/USA), na Universidade de Cork (Irlanda), Universidade Politécnica de Dresde, Universidade de Múnich, e, xunto con Terézia Mora, na Universidade de Bayreuth. Funda en 1997 o festival de literatura “Hausacher LeseLenz“ (www.leselenz.eu), do que é curador.
Apoia:
Colabora: