Residencia Rosalía/Traherne

Residencia Rosalía/Traherne

A Fundación Rosalía de Castro pón en marcha, por vez primeira, unha residencia para escritores en colaboración coa autora británica Fiona Sampson e a Lower Brinsop Writers House en Hereford (Inglaterra) arredor do poeta metafísico inglés Thomas Traherne e Rosalía de Castro.

Fiona Sampson pasará en Padrón dúas semanas traballando na súa vindeira obra. Ela é unha destacada poeta británica, biógrafa literaria e escritora. Antiga violinista profesional, ten un doutoramento en filosofía aplicada da linguaxe e actualmente é investigadora sénior no Harris Manchester College da Universidade de Oxford.

Un escritor ou escritora galega, con obra publicada na nosa lingua, poderá pasar dúas semanas en Hereford (Inglaterra, a media hora da fronteira con Gales e da localidade Hay-on-Wye, onde se celebra o famoso Hay Festival) grazas a este intercambio.

 
Bases da convocatoría
Consúltaas aquí:

Datas da estadía en Hereford para un escritor/a galega:

Do 10 ao 23 de agosto de 2025.

Requisitos básicos

Os requisitos básicos para conseguir esta bolsa-residencia son ter máis de 18 anos e ter, como mínimo, un libro publicado en galego.

Prazo

O prazo de presentación remata o 15 de xuño.


Thomas Traherne (1636-1674) é un dos máis grandes poetas metafísicos ingleses, coñecido sobre todo polas súas espirituais Centuries of Meditations. Naceu nesta zona e, logo de estudar na Universidade de Oxford, regresou para ser o crego desta parroquia, chamada Credenhill.