Caldo de Gloria
–>Podes breve poderás consultar aquí o programa do DÍA DE ROSALÍA 2025!
A Fundación Rosalía de Castro volve poñer en marcha este 2025 no aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
COMO PARTICIPAR (*)
a) Fai un Caldo de Gloria:
– Podes seguir as instruccións que Rosalía dá no poema.
– Ou consultar a receita de Picadillo (1905).
– Ou seguir os consellos de Suso Dezaseis e mais de Uxía (2024), ou doutros cociñeiros/as que fixeron antes as súas versións: Óscar Vidal (O Pazo Asador), Xoanqui Ameixeiras ou Lucía Freitas (A Tafona).
b) Logo le un poema rosaliano (ou máis). Pode ser o ‘Miña casiña, meu lar’ que inspirou esta iniciativa, ou calquera outro.
c) Desfrútao e compárteo nas redes sociais cos seguintes cancelos (hashtags): #CaldodeGloria #DíadeRosalía
(*) Tes un local hostaleiro (ou un comedor escolar ou de empresa) e queres participar?
Se queres facer o Caldo de Gloria no teu restaurante ou local podemos enviarche manteis individuais de papel co poema e o deseño de arriba (***só tes que vir buscalos á Casa-Museo ou mandar unha empresa de mensaxería). Iso si: lembra poñer un cartel na porta (podes descargalo aquí en pdf). Queres imprimir ti os teus propios manteis? Podes facelo, descárgao aquí!
Solicítao aquí: fundacionrosaliadecastro@gmail.com
[Aquí tes a listaxe de locais hostaleiros, colexios, centros de día e empresas que ofreceron o Caldo en 2024]
O caldo de Rosalía, a épica dos humildes
Queremos conmemorar o Día de Rosalía lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.