Inchadiña Branca Vela 2023

Hora:

16:30h

Lugar:

Río Ulla e Sar (Desde Vilarello -Valga- ata Padrón)

 

16.30. Saída da praia fluvial de Vilarello (Valga)

18.00 Chegada (aproximada) ao Espolón (Padrón). 

 

O sábado 2 de setembro uniranse á “Inchadiña branca vela” embarcacións tradicionais de todo o país, nunha nova homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. E xa van dez! Subirán Ulla e Sar embarcacións chegadas de toda Galicia, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa.

 

O percorrido será o de sempre: subirán ás 16.30 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón. 

Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares’ falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa:

¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»