Inchadiña Branca Vela 2021
Lugar:
Vilarello (Valga) - Padrón
Anótao en
Saída ás 15 horas da praia fluvial de Vilarello (Valga)
Chegada (aproximada) ás 17 horas ao Espolón (Padrón).
Concerto de Canto d’Aqui (peche das converxencias Galicia-Portugal) ás 19 horas na Praza de Macías. ***CAMBIO DE UBICACIÓN: será no Auditorio de Padrón
Este sábado uniranse á “Inchadiña branca vela” embarcacións tradicionais de todo o país, nunha nova homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. E xa van nove! Subirán Ulla e Sar embarcacións chegadas das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo, ademais da Guarda: gamelas, galeóns, un volanteiro, unha buceta, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Dodro e de Valga.
O percorrido será o de sempre: subirán ás 15.00 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón. A continuación, ás 19.00 horas, haberá un concerto do grupo portugués Canto d’Aqui na Praza de Macías, como peche das Converxencias Galicia-Portugal.
Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares’ falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa:
¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»