Espectáculo “Soa”

Hora:

19.00

Lugar:

Auditorio da Casa-Museo

Dirixida por Fran Rei, “Soa” é a primeira produción en solitario da xa veterana actriz Rogelia dos Outeiros.

A partir do popular monólogo La Donna Sola, de Darío Fo, publicado en 1977, neste espectáculo atopámonos cunha muller que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre a acompaña.

Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Porén, e a pesar das circunstancias, o humor está sempre presente e as situacións cómicas serven de catalizador para esta muller que, pouco a pouco, vai conquistando á audiencia.

Un marido tolo, un cuñado enfermo, os fillos ausentes, a soidade, o machismo, pero tamén acomplicidade, a liberación sexual, a autoestima, o cine, a música e, sobre todo, a esperanza son as pezas que emprega Rogelia dos Outeiros para construír un espectáculo que conduce ao público entre o drama e a comedia.

[Non recomendada para menores de 12 anos]