Concerto de Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro

Hora:

19.00

Lugar:

Auditorio da Casa-Museo

A Fundación Rosalía vén de editar o proxecto ‘Rosalía Cantada’, cuxo primeiro CD recolle poemas rosalianos interpretados por Eliseu Mera (barítono) e Cándido Cabaleiro (piano), que gravaron temas de compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Juan Durán, Octavio Vázquez e Fernando Buide.

O disco será presentado en directo no Auditorio da Casa-Museo o vindeiro 26 de marzo ás 19 horas. Por mor das restriccións da Covid 19 só poderá asistir un 30% do aforo. Para facer a reserva só teñen que enviarnos un mail aquí. 

O obxectivo deste proxecto é reunir e poñer a disposición do público galego (e non só) a obra musical creada a partir dos poemas rosalianos, sobre todo no caso da música clásica, dado que a maioría das pezas non están gravadas ou aparecen rexistradas de maneira dispersa. A súa poesía foi escollida polos principais compositores galegos de música culta para ser convertida en cancións. Moitas destas creacións, como a “Negra sombra” de Montes ou o “Maio longo” de Baldomir, chegaron ao público por versións de intérpretes pop ou folk, o cal contribuiu inmenso á sua difusión, mais ocultou a sua natureza orxinaria.