Preséntase en libro información inédita sobre Rosalía

Preséntase en libro información inédita sobre Rosalía
SONY DSC

'Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)' é froito do traballo da investigadora galega Sagrario Abelleira realizado no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid. Alén da corrección da data de nacemento, a documentación atopada demostra que Rosalía non foi nunca abandonada pola súa nai.

Esta mañá presentouse no Museo do Pobo Galego o volume  Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), que recolle os achados realizados en febreiro deste ano en Madrid pola investigadora galega Sagrario Abelleira e permite así completar a biografía dos dous grandes referentes das nosas letras. 

Na presentación, que acolleu o Museo do Pobo, interviron Sagrario Abelleira, investigadora e autora do volume;  Pedro Sabe Andreu, subdirector do Arquivo Histórico Diocesano de Madrid; Miguel Anxo Seixas, investigador, ensaísta e colaborador na edición do libro; Armando Requeixo, secretario do Instituto Ramón Piñeiro; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Anxo Angueira subliñou a importancia da descuberta e vinculou o traballo de investigación de Sagrario Abelleira co de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, que xa achegara anteriormente datos que desterraban a crenza de que Rosalía fora abandonada pola súa nai. 

Por outro lado tamén destacou que estas achegas documentais teñen un importante impacto simbólico pola alteración da data de nacemento, pero tamén un impacto fundamental sobre a biografía de Rosalía de Castro, dado que se constata a importancia da súa relación coa nai e se desbota definitivamente a súa crianza en Ortoño coa suposta familia paterna. 

Finalmente indicou que estes documentos que agora coñecemos abren novos camiños para seguir investigando, especialmente no que ten que ver coa estancia de Murguía e Rosalía en Madrid.

Novas achegas á biografía de Rosalía e Murguía

Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858) é o resultado do traballo da investigadora galega Sagrario Abelleira, quen localizou o pasado mes de febreiro no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid o expediente matrimonial inédito de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, datado de 1858. Composto por 12 documentos, este expediente achega nova información descoñecida ata o de agora sobre a vida dos dous escritores galegos que é de utilidade para coñecer as súas amizades, a cronoloxía do compromiso de matrimonio, as súas sucesivas residencias e as circunstancias do nacemento de Rosalía.

O primeiro dato inédito que desvela o libro é a auténtica data e hora de nacemento da poeta: o 23 de febreiro de 1837 ás catro da madrugada. Ata o de agora, e ante o descoñecemento exacto do nacemento da nai do Rexurdimento galego, empregábase a data do seu bautismo, realizado o día 24 de febreiro. 

A segunda gran revelación que recolle Rosalía e Murguía é o recoñecemento da autora de Follas Novas como filla natural por parte da súa nai, Teresa de Castro. Rosalía fora bautizada como “filla de pais incógnitos” e a ausencia de documentación non permitía afirmar que fora legalmente recoñecida. Agora, grazas a unha escritura notarial do expediente rescatado no arquivo madrileño, queda demostrado que Teresa de Castro, nai solteira, recoñeceu a súa filla Rosalía ante notario en 1843.

Tamén destaca a confesión da nai ante notario de que a súa filla foi aleitada na aldea do Santo en Ortoño durante seis meses, ó cabo dos cales regresou a Padrón.

Finalmente o expediente tamén recolle os domicilios tanto de Murguía como de Rosalía en Madrid nos anos anteriores ó seu matrimonio e que conteñen datos relevantes que non se coñecían.