Novo busto de Rosalía na horta da Casa da Matanza

A Fundación Rosalía inaugura un busto da poeta na horta da Casa da Matanza dentro dos actos do Día das Letras. Trátase dunha peza de bronce realizada pola escultora Cuqui Piñeiro. Ademais, o día 17 haberá un acto institucional xunto co Concello de Padrón, que inclúe unha conferencia sobre Díaz Castro a cargo de Lorenzo Baleirón e a actuación musical de Alba María.

A Fundación Rosalía de Castro celebra este sábado o Día das Letras inaugurando na horta da Casa da Matanza un busto da poeta. Trátase dunha peza de bronce coa que Cuqui Piñeiro reproduce a escultura de Lorenzo Coullaut Valera que agora preside unha das salas de exposición da Casa-Museo.

Dentro das obras de mellora e reacondicionamento da Casa Museo e mais do seu exterior que a Fundación está levando a cabo, o día 17 de maio de 2014 estréase unha nova configuración escultórica da Horta da Matanza, o que supón que Rosalía, en forma de busto, regrese ao seu xardín.

Pola súa banda, o busto de Maruxa Villanueva presidirá a parte da horta dedicada, entre outras cousas, ás plantas aromáticas, ocupando o seu lugar orixinal o monolito do centenario doado polo Concello de Padrón.

Deste xeito, e coa nova accesibilidade, Rosalía presidirá desde o espazo elevado do xardín o conxunto exterior da horta e estará á sombra da variante de camelia que leva o seu nome: Rosalía de Castro.

A escultura será inaugurada ás 12 horas do 17 de maio, antes do acto institucional que con motivo das Letras Galegas organizan a Fundación e o Concello de Padrón en homenaxe a Díaz Castro no auditorio da Casa da Matanza.

Conferencia e actuación musical

Ademais desta inauguración, dentro do acto institucional da Fundación Rosalía en colaboración co Concello de Padrón, terá lugar tamén unha conferencia sobre sobre Díaz Castro a cargo do escritor de Dodro Manuel Lorenzo Baleirón, gañador do Premio Xerais de Novela. E, para rematar a celebración, haberá unha actuación musical de Alba María, con pezas de Díaz Castro e Rosalía. Esta novísima cantante vén de gañar en abril o I Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo.