Nova sala para o arquivo documental rosaliano
O Concello de Padrón e a Fundación Rosalía asinaron hoxe un convenio para acondicionar e dotar de mobiliario a esta sala. O obxectivo é poñer en marcha o arquivo da Fundación, ordenalo e informatizalo para que estea ao dispor dos investigadores.
A Fundación Rosalía de Castro asinou esta mañá un convenio co Concello de Padrón polo cal este compromete 3.000 euros para acondicionar e dotar de mobiliario unha sala xa existente sobre as actuais oficinas, co obxectivo de poder albergar en condicións axeitadas obras e fondos documentais relativos á vida e obra da poetisa, así como a doazón de posibles legados e fondos documentais que se estean a xestionar ou poidan xestionarse nun futuro.
O patrimonio documental da Fundación Rosalía non estaba custodiado en condicións axeitadas, polo que grazas a este novo investimento, poderase poñer en marcha un arquivo á altura do valor documental que atesoura a Casa-Museo. Ese é o novo obxectivo da Fundación: poñer en marcha o Arquivo, ordenalo e informatizalo para que estea en boas condicións ao dispor dos investigadores.
Renovación da Casa-Museo
Máis de 40 anos despois da súa apertura ao público, a Casa-Museo precisaba dunha renovación urxente da súa museoloxía, adaptándoa aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora, así como incorporar á narrativa novas pezas.
O novo proxecto museográfico foi desenvolvido polo deseñador e comisario Xosé Barro e aprobado polo Plenario da Fundación Rosalía. Agora mesmo esta institución está inmersa na procura de financiamento para completar o proxecto (queda pendente o primeiro andar) e concluír a desexada reforma.
Lembramos que desde 2012 levamos adiante un proceso de mellora integral da Casa-Museo, que comezou coas obras de acondicionamento do inmoble (cofinanciadas polos fondos FEDER e pola Consellaría de Cultura e Educación) e que continúa agora coa musealización.