Nova balconada para a Casa-Museo

Desde hoxe luns pola mañá alumnos e mestres da especialidade de Carpintaría e Moble do IES Losada Diéguez da Estrada están a proceder á instalación da balconada na Casa Museo na que levan a traballar varios meses.

A balconada está feita en madeira de castiñeiro do país. Os rapaces do IES Losada Diéguez levaban traballando nela menos dun ano durante as súas prácticas académicas. A actual, moi deteriorada logo de 40 anos de uso, está a ser substituida pola nova. Lembramos que non se podía acceder á vella balconada por motivos de seguridade, dado que estaba nun estado deprorable.

O obxectivo era recuperar o estilo da balconada primitiva, que se pode ver perfectamente nas fotos anteriores a 1971, e facelo en madeira do país, cun tratamente protector que a faga o máis duradoira posible. Tanto os alumnos do Ciclo Medio de Carpintaría e Moble do IES Losada Diéguez da Estrada, como os seus profesores Xosé Xoán Blanco, Xosé Ramón González e Xosé Magariños, amosáronse orgullosos de levar adiante un proxecto que ten unha aplicación tan significada na emblemática Casa de Rosalía.

Por último, á Fundación gustaríalle agradecer o traballo e implicación de mestres e alumnos.