Lideramos un proxecto europeo de formación na transformación dixital para museos

Lideramos un proxecto europeo de formación na transformación dixital para museos

A Fundación Rosalía lidera o proxecto europeo de formación ‘Open Museums. European Museums stay open through digital technologies’ en colaboración con socios de Italia, Países Baixos ou Grecia, entre outros.

A Fundación Rosalía de Castro participou onte e hoxe na xuntanza internacional de lanzamento do proxecto europeo de formación ‘Open Museums. European Museums stay open through digital technologies’ (Museos Abertos. Os museos europeos mantéñense abertos a través das tecnoloxías dixitais) que lidera, en colaboración con socios de Italia, Países Baixos ou Grecia, entre outros. 

Este proxecto, que forma parte do programa Erasmus Plus de formación, ten como obxectivo actualizar os coñecementos e competencias dixitais dos traballadores dos museos europeos, alén de promover o acceso dixital aos museos, preservar o patrimonio cultural que gardan e contribuír a mellorar a súa comunicación dixital e financiamento nesta nova normalidade. 

Este proxecto, que se desenvolve ata finais de 2022, está a elaborar unha Guía de Competencias que inclúe os coñecementos necesarios para crear visitas virtuais, dotarse dunha política de comunicación dixital e desenvolver tendas virtuais de museo. Ademais, creará un curso en liña que lle permitirá aos profesionais e interesadas aprender a crear estas ferramentas a través de módulos prácticos e inclusivos, con casos reais e exercicios prácticos.

O proxecto inclúe tamén un evento formativo para os socios en Rossano (Italia) e eventos abertos ao público en Padrón, Rossano (Italia), Varnavas e Pireo (Grecia) e Rotterdam (Países Baixos). Tamén colaborarán outros museos literarios galegos como a Fundación Uxío Novoneyra.

O primeiro proxecto europeo da Fundación Rosalía

Hoxe e mañá (6 e 7 de Maio) celébrase a xuntanza de lanzamento do proxecto, que terá lugar online por mor da Covid 19. Este é o primeiro proxecto europeo no que participa a Fundación Rosalía e que ademais lidera. Ten un orzamento de 159.865 euros.