‘Irmandiñas’, de Aurora Marco, gaña o III Premio de Investigación Baltar Feijóo

‘Irmandiñas’, de Aurora Marco, gaña o III Premio de Investigación Baltar Feijóo

O xurado do III Premio de Investigación  e Ensaio Ramón Baltar Feijóo reuniuse na mañá de hoxe para deliberar e optou de forma unánime por galardoar ‘‘Irmandiñas’ (Laiovento, 2020) como…

O xurado do III Premio de Investigación  e Ensaio Ramón Baltar Feijóo reuniuse na mañá de hoxe para deliberar e optou de forma unánime por galardoar ‘‘Irmandiñas’ (Laiovento, 2020) como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós. 

O xurado, que premiou ‘Irmandiñas’ por unanimidade, salientou que “é unha obra de dilatada investigación que ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no periodo das Irmandades: a protagonizada por mulleres. Contén un grande esforzo investigador que inclúe documentación escrita e gráfica e vén agrandar toda unha traxectoria guiada polo obxectivo de restaurar para a muller o papel que lle corresponde na sociedade”. 

Reunido de forma presencial e telemática, o xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Lydia Fontoira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.

‘Irmandiñas’ consegue, a través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos e fontes orais, confirmar documentalmente que na acción social, cultural e política tamén estaban elas. estaban no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual do Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita… Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro para tentar cubrir un inxusto baleiro. 

Aurora Marco López (Noguera de Albarracín, Teruel, 1948) é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC. Nos últimos trinta anos centrouse na recuperación e visibilización das mulleres galegas. Autora de numerosas obras, salientamos algunhas delas: As Precursoras (1993); Mulleres e educación en Galiza (2002); Dicionario de mulleres galegas (2007); Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011); Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana (edit.) (2012); ou Elas (2015). Acadou tamén numerosos premios: Tomás Barros, 1991; Anxel Fole, 1992; Luís Tilve, 2012; Sereo da Cultura, 2013; Mulleres en Acción, 2015; Galiza Mártir, 2016; “Mártires da Liberdade”, 2017.

Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo

A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía o 29 deste mes.

A Fundación Rosalía de Castro convocou en setembro a terceira edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós. 

Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao. 

O premio ten carácter bianual e poden concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas ao longo dos anos 2020 e 2021, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.

A primeira edición recoñeceu dúas obras ‘ex aequo’: ‘Cantos de independencia e liberdade’ (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e ‘A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931’ (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua. E a segunda premiou o libro ‘As orixes da fotografía en Galicia’, de Carlos Castelao.