Estreamos arquivo informatizado
A Casa de Rosalía estrea arquivo informatizado con toda a súa documentación histórica ao alcance dos investigadores. Por primeira vez, os valiosos fondos da Fundación Rosalía están ordenados, catalogados e informatizados, ademais de en condicións de conservación axeitadas.
Precisamente no 50 cabodano do pasamento de Xosé Mosquera, o principal impulsor da Casa-Museo de Rosalía, vimos de presentar a apertura do Arquivo da Fundación, logo de rematar a primeira fase de organización, descrición e informatización dos fondos desta institución, que se atopaban en condicións lamentables. No acto estaban presentes o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e dous membros da executiva, ademais do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
Despois de meses de traballo, acometidos en parte grazas a unha axuda de 4.000 euros do departamento de Cultura da Xunta, o Arquivo da Fundación móstrase desde hoxe como un espazo aberto á investigación para que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galicia.
Desde hoxe xa están accesibles para os investigadores toda a documentación histórica, é dicir, a parte máis relevante dos fondos. Calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos, ordenados e catalogados.
Interesantes fondos documentais
En canto aos contidos que atesoura, o Arquivo da Fundación Rosalía de Castro posúe importantes e interesantes fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros, que até o de agora apenas eran coñecidos. Dentro do fondo documental cómpre destacar a serie de Correspondencia, na que podemos atopar cartas intercambiadas cos responsables dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana, etc. como Juan Varela Grande, José Villamarín, Abelardo Estévez, Jesus Canabal, Rey Rodríguez, Ángel Pérez Cosme, etc., mostra das intensas relacións que o Padroado e os seu responsables mantiñan cos galegos emigrados.
En canto a personalidades galegas, é de interese a correspondencia intercambiada con Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey, Sánchez Cantón, Del Riego, Manuel Gómez Román, Ferro Couselo, García Sabell, Gala Murguía, Naya, Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde, Quiroga Palacios e un longo etcétera.
Tamén resulta moi interesante a serie relativa ás actas e documentos constitutivos, destacando o primeiro Libro de Actas do Padroado, así como os informes e memorias que describen a actividade desenvolta nos primeiros momentos desde a adquisición da Casa de Rosalía por parte de Granjel e Mosquera.
Os dosieres de prensa son certamente de gran utilidade para a investigación, xa que achegan información valiosa sobre acontecementos, identificación de persoas e mesmo para datación. Ademais hai exemplares significativos procedentes de prensa estranxeira grazas ás relacións referenciadas que mantiña o Padroado cos colectivos galegos emigrados. Neste mesmo senso, cabe sinalar a colección de impresos, nos que destacan a publicación dos primeiros Estatutos do Padroado a finais dos anos 40, os carteis, así coma outros materias especiais (negativos, discos, diapositivas, etc.)
En canto ao fondo gráfico, son salientables os vencellados a Rosalía, sobresaíndo a colección “Pardellas de Blas”, con fotografías da autora e a súa familia, entre outras. O fondo fotográfico reflicte tamén as diversas actividades e actos do Padroado, coma as Rutas Rosalianas ou a Ofrenda Floral en Bonaval que acollía importantes persoeiros galegos e estranxeiros.
Finalmente, como non podía ser de outra maneira, a documentación que alberga o arquivo de máis valor para a Fundación é a vinculada a Rosalía de Castro. Compoñen esta colección documentos e manuscritos vinculados á autora. Por outro lado é de máxima relevancia o legado de Xosé Mosquera Pérez, con interesantes documentos dos inicios do galeguismo, mostra das súas relacións persoais e da súa implicación política, social e cultural.