Entran no Padroado Victoria Álvarez, Carmen Blanco, Pilar G. Negro e Méndez Ferrín
A Fundación Rosalía de Castro celebrou esta tarde o plenario do seu Padroado, no que se aprobou a entrada de catro destacados novos membros: Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, Carmen Blanco, Pilar García Negro e Xosé Luís Méndez Ferrín.
A Fundación Rosalía de Castro celebrou esta tarde o plenario do seu Padroado, no que se aprobou a entrada de catro destacados novos membros: Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, Carmen Blanco, Pilar García Negro e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Ademais, a Executiva informou ao plenario dos pasados actos do Día de Rosalía (24 de febreiro) e da recente compra do cadro de Ovidio Murguía á familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo, peza que será restaurada no Museo de Belas Artes antes de pasar a formar parte da colección da Fundación.
Os novos membros da Fundación son:
Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda: profesora e unha das principais investigadoras sobre a vida de Rosalía de Castro, quen atopou importantes achados documentais que redefiniron en moitos aspectos as perspectivas con que ollar a biografía da nosa autora. Publicou varios artigos sobre esta temática en diferentes revistas, inculíndo a Revista de Estudos Rosalianos da Fundación.
Carmen Blanco (Lugo, 1954): escritora que se centrou, como ensaísta, nas interrelacións de poder, muller, sexo, cultura e literatura, temática feminista e libertaria. É profesora de Literatura Galega na USC (campus de Lugo). Os seus numerosos ensaios sobre Rosalía datan do congreso internacional de 1995: “A problemática da escritora en Rosalía de Castro”. Colaborou coa Fundación en ‘Daquelas que cantan’, ‘Diálogos na Casa de Rosalía’ e na Revista de Estudos Rosalianos.
Pilar García Negro (Lugo, 1953): profesora titular da UDC e destacada investigadora da obra de Rosalía. Sobre a poeta editou ‘El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas’ (2006) e publicou os ensaios ‘O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo’ (2010) e ‘Cantares Gallegos, hoxe’ (2013). Colaborou coa Fundación nos actos do 15 de xullo de 2013.
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938): profesor e un dos máis importantes escritores galegos na actualidade, con vasta obra de creación e ensaio no que Rosalía ocupou recentes artigos. Foi presidente da Real Academia Galega e durante varios anos candidato ao Premio Nobel polas letras galegas proposto pola AELG e polo PEN Club de Galicia. Colaborou coa Fundación nos actos conmemorativos da estatua de Rosalía no Espolón de Padrón en 2013.